Presentado na Casa de Galicia o "Celtic Madrid Festival", que se celebrará na praza de touros de Las Ventas con Milladoiro, La Musgaña ou Capercaillie

Trátase da primeira edición e será os días 15 e 16 do próximo mes de febreiro
Madrid, 29 de xaneiro de 2019

Míticas bandas nacionais e internacionais como Milladoiro, La Musgaña ou Capercaillie xunto a outros grupos e músicos máis novos como Castroverde, Xosé Liz, e Anxo Lorenzo van participar na primeira edición do "Celtic Madrid Festival", tal e como deron a coñecer os promotores do novo encontro musical cuxo desexo é "sentar as bases para que Madrid sexa tamén unha cita para o folk". Os concertos serán no Invernadoiro da praza de touros de Las Ventas os días 15 e 16 de febreiro nun espazo climatizado e acondicionado especialmente para acoller as actuacións.

Na rolda de prensa/presentación na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia interviñeron o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez; o director do Festival, Alfonso Blanco; o produtor musical Pucho Suárez; e seguidamente os intérpretes Javier Franco (gaita); Paula Gómez (violín) e Alfonso Blanco (guitarra), quenes ofreceron unha breve actuación musical.

Jiménez lembrou que esta mesma sala acolleu a presentación tamén en rolda de prensa, do programa do XXVI (vixésimo sexto) Festival Intercéltico de Lorient de 1996, un acto no que participou un descoñecido e novísimo gaiteiro que logo debutaría en Lorient e que se chamaba Carlos Núñez… "En Madrid sempre gustou moito a música celta polo que lle auguro un gran éxito a este festival, que considero necesario e por cuxa continuidade fago votos", asegurou.

Para Alfonso Blanco, que forma parte da banda Castroverde que lidera Josiño Liz, explicou que xa están a traballar no irmandamento co Celtic Conections de Glasgow, para celebralo ao ano que vén en Madrid. Ademais, destacou que esta primeira edición do Celtic Madrid Festival "é eminentemente galega pois de seis bandas que van actuar, catro son de Galicia".

Para Pucho Suárez, "soñamos con que algún día este festival chegue a ter a repercusión e envergadura que alcanzan outros festivais de música moderna e que o público maioritario sexa xente nova".

As palabras foron seguidas dunha animada quenda de preguntas nas que puideron aclarar, por exemplo, que o invernadoiro da praza de touros "está perfectamente acondicionado para este tempo e que para un galego, mesmo fai calor". Conta cun aforamento de preto de 3000 localidades e aínda que xa se venderon moitas, aínda se poden adquirir, mesmo na praza o mesmo día das actuacións, "por aquilo de que sempre deixamos todo para o último momento, moi da nosa cultura".

Entre as aspiracións dos organizadores está o que o Festival se afiance e chegue a que se celebre durante toda unha semana ou mesmo un mes como o de Glasgow.

O acto finalizou coas actuacións musicais, que fixeron levantar ao público dos seus asentos.

Máis información en https:// yotambiensoyindie.es/2019/01/22/ celtic- madrid-o-primeiro-e-gran-festival-de- musica-celta-en-a-capital/

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes