Presentado na Delegación da Xunta en Madrid o "21 Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria"

O encontro, que é bienal, celebrarase en Santiago os días 8, 9 e 10 de maio, e contará con máis de 2000 directivos e xestores sanitarios
Madrid, 3 de abril de 2019.-

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe a rolda de prensa para presentar e dar a coñecer aos medios, na súa maioría especializados, o "21 Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria", que se celebrará os días 8, 9 e 10 de maio en Santiago de Compostela, onde ten previsto reunir a máis de 2.000 directivos e xestores sanitarios. O encontro, que é bienal, leva nesta ocasión por título "Innovación: camiño da sustentabilidade", dado que "a innovación, -terapéutica, tecnolóxica e en xestión sanitaria-, é o motor que necesita o modelo sanitario para impulsar a súa transformación".

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega deu a benvida aos intervenientes: o presidente do Congreso, Ramón Ares Rico; o presidente da Sociedade Española de Directivos da Saúde (SEDISA), Joaquín Estévez Lucas; e o presidente da Asociación Nacional de Directivos de Enfermería (ANDE), Jesús Sanz Villorejo.

"Nós apoiamos todo o relacionado con Galicia, e sen dúbida este congreso vai recibir en Santiago a moitos profesionais do ámbito sanitario, que ademais dos temas do encontro, van gozar dunha cidade que ten todo tipo de atractivos, culturais, turísticos, gastronómicos, onde seguro van pasar uns días magníficos", dixo Ónega nas súas palabras, quen ademais explicou que "como administración, poden contar sempre con esta Casa", e citando a Emerson sinalou que "a primeira riqueza, é a saúde".

Pola súa banda, Ramón Ares, xerente do hospital de Lugo e presidente do Congreso, en nome do equipo organizador, agradeceu o recibimento así como todas as facilidades dadas, tanto da rolda de prensa como da presentación posterior, un acto, cos mesmos intervinientes e a mesma información pero tamén para directivos, persoal sanitario, medios que o desexen e aberto ao público en xeral.

¿Cal é o papel que o directivo da saúde debe ter no impulso da innovación? ¿Qué áreas en innovación son máis prioritarias? ¿Cales son os retos en innovación no modelo asistencial, cronicidade, modelos de xestión, xestión de profesionais, relación cos pacientes e os profesionais e a humanización? Son algunhas das cuestións ás que responde a Sondaxe Percepción sobre Innovación, Xestión Sanitaria e Papel do Directivo da Saúde na antesala de celebración do Congreso, e sobre a que se presentou un avance.

A sondaxe recolle 200 propostas innovadoras en xestión sanitaria, das que se seleccionaron as 21 máis relevantes e/ou aquelas nas que o papel do directivo da saúde é máis importante. Entre elas, destacan a implementación de contratos ou pactos de xestión compartidos e vinculados a resultados en saúde, a compra de servizos integrados a través de modelos de compra innovadora con KPIs e resultados en saúde ou a xestión poboacional da saúde a través de equipos integrados habilitando a e-consulta.

Para máis información: direccion.tecnica@sedisa.net

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes