Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O bispo de Lugo presenta na Casa de Galicia en Madrid a "Credencial do peregrino de Lugo a Santiago de Compostela"

Editada con motivo da declaración como Patrimonio Mundial dos camiños Norte e Primitivo, servirá para alcanzar a Compostela
Madrid, 16 de novembro de 2015.

O delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, presidiu hoxe o acto de presentación da "Credencial do Peregrino de Lugo a Santiago de Compostela", editada con motivo da declaración como Patrimonio Mundial dos camiños de Santiago Norte e Primitivo, que tivo lugar na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia e no que interviñeron así mesmo o bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco Rouco, o presidente da Asociación de empresarios Lugo Monumental, Luís Latorre Real, e o delegado de La Voz de Galicia en Lugo, Miguel Ángel Cabana Aguiar. Entre os asistentes ao acto achábanse o deán da catedral de Lugo e vigairo xeral da Diocese de Lugo, Mario Vázquez Carballo, e os deputados por Lugo Joaquín García Díez, exalcalde da cidade (PP), e Margarita Pérez Herraiz (PSOE).

Esta edición da credencial, promocionada por Lugo Monumental, conta co patrocinio de La Voz de Galicia, autorizado excepcionalmente para a ocasión polo Cabildo da Catedral de Santiago, e coa colaboración do artista lucense Chencho Pardo, deseñador do documento, e do Bispado de Lugo. Os beneficios estarán destinados integramente a Cáritas Lugo. O documento servirá como credencial para alcanzar a Compostela.

Ónega, lucense e anfitrión do acto, deu a benvida a participantes e asistentes, tivo palabras de recordo e eloxiou para as cidades de Lugo, onde estudou o Bacharelato, e de Santiago de Compostela, onde cursou a carreira de Dereito, e lembrou as oportunidades espirituais e culturais que ofrece o Camiño. "Esta ´Credencial do peregrino´ é máis que un sinal de identidade. É un documento de fe, unha mostra de devoción, unha constatación de unión de pobos, xentes e nacionalidades que pasan por Lugo, Camiño Primitivo, para cumprir ese milagre que se chama Santiago de Compostela, cidade do Apóstolo", mantivo.Tamén resaltou o respaldo á iniciativa da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

O bispo de Lugo expresou a súa convicción de que esta iniciativa "pode ser o xerme dunha obra boa con moitas repercusións positivas, para a cidade e para os lucenses". Explicou que hai restos que testemuñan a antigüidade de Lugo como cidade romana e cristiá, á que se supón que o propio Santiago chegou facendo o Camiño Primitivo no sentido inverso, e resaltou que a caracteriza ser "a cidade do Sacramento", que está permanentemente exposto na catedral como, ao parecer, acordouse nun concilio celebrado no século VI. "Era o camiño que seguiron os reis de Asturias" e "durante mil anos Lugo foi a referencia da Galicia real, logo foino Santiago", foron outras das súas reflexións que concluíron en que o camiño de Lugo a Santiago "é extremadamente expresivo", pois é a ruta "orixinal, vai ás raíces o Camiño".

Latorre explicou que a publicación da credencial do peregrino propia desde Lugo a Santiago de Compostela a través da ruta do Camiño Primitivo, posiblemente sexa o proxecto máis importe de Lugo Monumental en anos. "O proxecto pode supoñer unha proxección extraordinaria para Lugo como punto de inicio do Camiño Primitivo, xa que somos a primeira poboación que cumpre o requisito dos 100 quilómetros de ruta para alcanzar a cobizada Compostela", da mesma forma que Sarria o é no Camiño Francés.

Cabanas referiu que La Voz de Galicia acolleu con entusiasmo a idea polo que supoñía de "poñer en pé" o Camiño Primitivo, "que estaba practicamente perdido" pero que está a ter un auxe importante nos últimos anos, e lembrar que entre Lugo e Santiago hai os 100 quilómetros requiridos para a Compostela e pola proxección que pode supoñer para Lugo, como cidade romana, entre os peregrinos con inquietudes culturais e como destino internacional.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes