Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Summun Delicatessen presenta na Casa de Galicia en Madrid Gastroarte, a suma de productos gourmet e obras de arte

Un novo concepto que desenvolve en colaboración coa marchante de arte Milagros Castro e o pintor ourensán Manolo Ebra
Madrid, 8 de outubro de 2015.

Summun Delicatessen, empresa galega de distribución de produtos emblemáticos de calidade, presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a iniciativa Gastroarte, un novo concepto que desenvolve en colaboración coa marchante de arte Milagros Castro no que se axuntan produtos de exclusivas marcas gourmet galegas e obras de arte de pintores contemporáneos de recoñecido prestixio, tamén galegos. Nesta edición do artista ourensán Manolo Ebra.

Interviñeron na presentación o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, a directora de Summun Delicatessen, Elena Pérez Pardo, a consultora de proxectos culturais de Bernardo Bringas Art Consulting, Milagros Castro, e Manolo Ebra, expoñente da pintura galega contemporánea. Fixérono ante unha sala repleta de xente, que tamén ocupou outra adxacente -empresarios en gran parte-, interesada pola iniciativa.

Ónega, como anfitrión do acto, destacou o labor de Pérez Pardo, “unha persoa creativa e emprendedora”, que xa presentou outras iniciativas empresariais na Casa. “Elena crea proxectos e desenvolve talentos nunha área tan difícil e complexa como é a gastronomía” e en “Summun Delicatessen eleva a comida á categoría de excelencia”. Destacou tamén que Manolo Ebra une a este proxecto de produtos galegos “a xenialidade da súa creación, a beleza plástica” e, xunto con Mila Castro, “talento e traballo”.

Pérez Pardo presentou a Summum Delicatessen como “compañía comercializadora do mellor produto gourmet galego. Produtos innovadores cunha base necesaria de tradición e a mellor materia prima” que se dirixe a establecementos gourmet ,alta restauración, catering e axencias de comunicación e eventos e que nesta ocasión quere ademais chegar ao gran público. Nese marco e “no noso afán de desenvolver ideas que dean a coñecer aínda máis a Galicia”, explicou, desenvólvese Gastroarte, iniciativa que suma produtos galegos de gastronomía e arte, “neste caso concreto, as obras dun dos mellores artistas galegos contemporáneos: Manolo Ebra”.

Entre os produtos presentados destacou “as creacións únicas de Conservas Chanquete como: Cocochas de bacallau con angulas do Miño; Pochas con mexillón e wakame ou os únicos Pementos recheos de chanquete salvaxe que existen no mercado, así como o viño D.O. Alvarinho de Adega Edmun do Val (Valença do Miño), único produto non galego incorporado recentemente á nosa selección”.

Para presentar o concepto de Gastroarte, Ebra fixo un percorrido pola súa traxectoria artística, desde os anos oitenta ata a actualidade, na que puido apreciarse que os alimentos forman parte das súas composicións, tanto nas súas etapas surrealista e realista como de “Hieratismos Erráticos” e no seu máis recente colección de meninas. Observou tamén que no proxecto presentado, na pintura, “xoga co real e o aparente”.

Pola súa banda, Castro referiuse a Gastroarte desde o punto de vista da creación. Fixo un percorrido polas distintas épocas artísticas, nas que a representación dos alimentos é unha constante e explicou como estes aparecen en coñecidas obras cumprindo non só unha función estética senón tamén simbólica. Por outra banda expuxo que “a gastronomía non só satisfai unha necesidade básica, a de alimentarnos, senón tamén cumpre unha función puramente artística, para gozar do intelecto; sendo o cociñeiro o creador, en definitiva o artista”.

Máis información en www.summumdelicatesen.com.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes