Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Ribadeo presenta a campaña turística #Ribadeoxqsí

Na Casa de Galicia en Madrid, onde acudiron máis de 300 persoas
Madrid, 29 de xaneiro de 2015

Con motivo da celebración da Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid, o Concello de Ribadeo preséntase vivo na rede  como destino turístico a través da súa nova campaña #Ribadeoxqsí. O lugar elixido para a presentación foi a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, onde acudiron máis de trescentas persoas.

O acto de presentación contou coa participación do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, que lembrou a súa orixe lucense e a súa presenza recente en Ribadeo como pregoeiro das Festas da Virxe do Carme, deu a benvida á Casa á delegación que encabezou o alcalde ribadense e deséxolle éxito na súa campaña.

Na súa intervención, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, fixo referencia ao monumento natural máis representativo da localidade, a praia de As Catedrais.  "Sabemos que o noso elemento bandeira é o areal de As Catedrais, que estamos no momento idóneo. Ademais somos conscientes do noso gran potencial, un potencial excepcional, tanto natural como cultural, tanto dinámico como vivo. E chegou a hora de mostralo, de conectar, aínda máis se cabe co mundo e afianzarnos como destino próximo".

Durante o acto, que se puido seguir en directo a través de "streaming", deuse a coñecer a nova páxina web de turismo institucional, así como o novo vídeo promocional. Estableceuse conexión en directo con "embaixadores", ribadenses en diferentes países, e arrincou de maneira oficial a nova campaña #Ribadeoxqsí, que pretende dar a coñecer os motivo principais polos que visitar Ribadeo, con especial atención ás novas vías de promoción "online".

A concelleira delegada, Ana María Martínez, sinalou que Ribadeo tanto con sol como con choiva ofrece a posibilidade de vivir grandes momentos. "Presentamos unha proposta transcendente, fisicamente bonita e emocionalmente potente".

O acto pechouse cunha mostra gastronómica a cargo de restaurantes da localidade e os asistentes tiveron a posibilidade de participar nun photocall pousando con imaxes típicas de Ribadeo que representan un Ribadeo natural, cultural, vivo e próximo.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes