Medios

  • (2848x4288px., 1140 Kb.)
  • (2848x4288px., 917 Kb.)
  • (4288x2848px., 1031 Kb.)
  • (2848x4288px., 1155 Kb.)
  • (2848x4288px., 1204 Kb.)

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Romay Beccaría, Camba y Ónega avalan a presentación dunha biografía do ex presidente venezolano Luis Herrera Campíng

Asinada por Ramón Guillermo Aveledo, responsable da Mesa da Unidade de Venezuela
10 de maio de 2012

O presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba Bouzas, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, acompañaron hoxe ao político, profesor, escritor, descendente de galegos e secretario executivo da Mesa da Unidade Democrática de Venezuela Ramón Guillermo Aveledo na presentación do seu libro "El llanero solidario. Verdades ignoradas sobre Luis Herrera Campíng y su tiempo", dedicado á vida e obra de quen foi presidente de Venezuela. O acto, presidido por Romay Beccaría, celebrouse na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid e encheu de público a instalación, a pesar da celebración deportiva que tiña lugar a poucos metros da Casa, en Neptuno. Entre os asistentes estaban un fillo do presidente biografiado, Luis Fernando Herrera Urdaneta, os senadores Iñaki Anasagasti (PNV) e Dionisio García Carnero (PP), o avogado internacionalista González Dellán, que acompañou ao autor do libro, e directivos das principais organizacións galegas en Madrid.

Madrid, 10 de maio de 2012. - O presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba Bouzas, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, acompañaron hoxe ao político, profesor, escritor, descendente de galegos e secretario executivo da Mesa da Unidade Democrática de Venezuela Ramón Guillermo Aveledo na presentación do seu libro "El llanero solidario. Verdades ignoradas sobre Luis Herrera Campíng y su tiempo", dedicado á vida e obra de quen foi presidente de Venezuela.

O acto, presidido por Romay Beccaría, celebrouse na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid e encheu de público a instalación, a pesar da celebración deportiva que tiña lugar a poucos metros da Casa, en Neptuno. Entre os asistentes estaban un fillo do presidente biografiado, Luis Fernando Herrera Urdaneta, os senadores Iñaki Anasagasti (PNV) e Dionisio García Carnero (PP), o avogado internacionalista González Dellán, que acompañou ao autor do libro, e directivos das principais organizacións galegas en Madrid.

O libro repasa a vida do que foi presidente de Venezuela entre 1979 e 1984 e o medio século que viviu en Venezuela. O autor, político, escritor e profesor universitario, coñeceuno moi de preto pois foi o seu secretario privado durante máis de catro anos, nos anos da súa presidencia. Preso e expulsado de Venezuela pola ditadura de Pérez Jiménez en 1952, Herrera Campíng culminou os seus estudos de Dereito en Santiago de Compostela e viviu exiliado en Roma, Londres e Múnic. Ao seu regreso a Venezuela, unha vez caído o réxime militar, foi deputado, senador e electo presidente da República en 1978. Herrera foi, entre outras cousas, secretario xeral da Organización Demócrata Cristiá de América e da Internacional Demócrata Cristiá.

Figura emblemática

Romay referiuse a Ferreira Campíng como unha figura emblemática da política venezolana que transcende ás fronteiras dese país a quen dixo que el estaba "a tratar de honrar esta tarde". Afirmou que Campíng loitou por unha Venezuela democrática, pola que tamén está a loitar Aveledo a quen trasladou "todo o estímulo que se poida" e sinalou que o autor do coñece ben o seu país, "vive intensamente a súa realidade política", e tamén á figura biografiada.

O presidente do Consello de Estado recordou que coñeceu a Herrera Campíng en Santiago de Compostela onde, xunto con José Luis Zapata, estivo a cursar as materias que lles faltaban para completar as súas licenciaturas de Dereito e afirmou que o ex presidente venezolano viviu e morreu austeramente.

Santiago Camba corroborou as palabras de benvida de José Ramón Ónega, que afirmara que "os galegos habitamos en todos os continentes", para subliñar que "Galicia e Venezuela teñen dende hai moitos anos lazos en común". O secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia recordou que nestes momentos hai en Venezuela unha "importante colectividade" española que "está a loitar denodadamente en moitos sentidos". Tamén afirmou que Herrera Campíng deixou unha pegada importante en Venezuela e agradeceu ao autor "a xenerosidade que ten", que o levou a sacrificar a posibilidade de presentarse ás primarias para a Presidencia de Venezuela para responsabilizarse da Mesa da Unidade.

Relación con España

Aveledo, que se desprazou dende Venezuela para o acto, dedicou a súa intervención a contar a grandes trazos a especial relación de Luis Herrera Campíns con España. "Non se pode presumir de falar ben a lingua española mentres non poida ler a Quevedo sen dicionario, iso pensaba e dicía Luis Herrera Campíns. España, a súa historia, os seus pobos, a súa cultura diversa e rica, tiveron unha presenza potente na vida e a formación de quen foi loitador político, xornalista, parlamentario e presidente de Venezuela", explicou.

Recordou que Herrera foi apresado na folga universitaria de 1952 en Caracas e expulsado do país cando comezaba o quinto ano de Dereito, polo que veu a España e se licenciou en Santiago de Compostela. Aquí fundou Tiela, xornal dos desterrados venezolanos en Europa que entraba clandestinamente en Venezuela. Tamén a súa primeira formación na súa aldea natal, na provincia de Palencia, a súa entrada na Universidade Central, en Caracas, e a influencia que sobre el tiveron os españois mestres da congregación dos Irmáns de La salle e o xesuíta vasco Manuel Aguirre Elorriaga, fundador do Círculo Obreiro de Caracas, de sindicatos, da Escola de Servizo Social e do Instituto Nacional de Estudos Sociais.

"Por España sempre tivo Herrera afecto especial e afinidade. A súa presidencia coincidiu coa transición española e a xefatura do goberno de Adolfo Suárez, con quen trabou unha moi boa relación persoal. Como Presidente da República recibiu tamén o president da Generalitat Jordi Pujol e ao futuro lehendakari Carlos Garaicoechea", engadiu.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes