Medios

  • (2848x4288px., 674 Kb.)
  • (2848x4288px., 766 Kb.)
  • (4288x2848px., 861 Kb.)
  • (2848x4288px., 1011 Kb.)

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación dunha nova edición do libro "Sobre as Fugas de Cunqueiro", de Landeira Yrago

Publicado con ocasión do primeiro centenario do Cunqueiro, inclúe un texto inédito do autor
19 de abril de 2012

A Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu hoxe a presentación do libro "Sobre as fugas de Cunqueiro. Outra vida de Álvaro entre o periodismo e a literatura", de Xosé Landeira Yrago, unha nova edición con presentación e notas de Renato A. Landeira, neto do autor, na que Auga Editora recupera un texto inédito do escritor e xornalista Xosé Landeira Yrago.

Madrid, 19 de abril de 2012. - A Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu hoxe a presentación do libro "Sobre as fugas de Cunqueiro. Outra vida de Álvaro entre o periodismo e a literatura", de Xosé Landeira Yrago, unha nova edición con presentación e notas de Renato A. Landeira, neto do autor, na que Auga Editora recupera un texto inédito do escritor e xornalista Xosé Landeira Yrago.

No acto interviñeron Pilar Falcón, xornalista e presidenta do Club de Xornalistas Galegos en Madrid, entidade coorganizadora do acto; Renato A. Landeira, avogado e xornalista; Xosé A. Perozo, en representación da editorial, e Ramón Jiménez, coordinador de Actividades Culturais da Casa, que o conduciu.

Como Cunqueiro, Landeira foi director de Faro de Vigo e o seu amigo íntimo. Ao producirse o peche do primeiro centenario de Cunqueiro, esta obra xornalística ofrece imaxes novas dun dos narradores e poetas galegos máis universal, ao tempo que debuxa as peripecias dun escritor que exercía o traballo de xornalista como medio de vida, como unha forma de independencia para construír, fóra das esixencias editoriais, os seus propios universos creativos. Neste inédito, recuperado polo seu neto, Landeira Yrago revela ao Cunqueiro máis humano, máis amigo dos seus amigos, máis creativo e máis inconformista.

Pilar Falcón falou do Cunqueiro xornalista en Madrid visto por Landeira Yrago, tamén xornalista na capital, "amigos e confidentes, practicamente unha mesma cousa, literatos e estudiantados, madrileños, de Galicia ambos os dous. Cunqueiro foino durante os seus anos no ABC da temperá posguerra; Landeira Yrago, durante a tardía Transición, como primeiro xefe de prensa do Tribunal Constitucional dende a súa fundación no ano 1980 ata a súa xubilación en 1987".

"Gozar de Landeira e Cunqueiro é un estímulo, e un luxo, para a lectura, dous home que se complementaron, foron amigos e contribuíron a darlle ao periodismo español unha categoría de oficio con dimensión literaria. Cunqueiro nunca pisou unha escola de xornalistas. Landeira si por iso o necesitou ao seu lado en Faro de Vigo", explicou.

A presidenta do Club de Xornalistas Galegos tamén precisou que "o tempo do periodismo de Cunqueiro foi un tempo de non o valorar e mal o pagar. Sempre quixo afastarse da saturación informativa e falaba de que o periodismo estaba enfermo de superabundancia, de aí que era partidario de noticias como o canto do Cuco en primavera". "Non viría mal o exemplo nos tempos que vivimos, poderiamos aplicar a súa máxima ´ as noticias verdadeiras son as que teñen 300 anos, as modernas son falsas´", engadiu.

Renato Landeira explicou os avatares do autor en relación con Cunqueiro. "É unha historia de dous literatos metidos a xornalistas por encontrar un traballo decoroso co que gañarse a vida", asegurou. Tamén falou do descubrimento do orixinal inédito "escrito en torno ao ano 1991 con motivo do décimo aniversario da morte do seu amigo e descuberto entre o monumental maremágnum de artigos, notas, apuntamentos e fichas deixadas aos seus herdeiros".

Xosé A. Perozo, en representación de Auga Editora, expuxo as razóns polas que decidiron editar este libro, xa que "se trata dunha importante achega á biografía de Cunqueiro, aínda pendente de ser abordada, escrita e difundida máis alá das fábulas, unhas verídicas e outras inventadas, que todos escoitamos algunha vez sobre o fantástico autor de Merlín e familia".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes