Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do libro "Unha aventura europea" de Domingo Goás

O avogado lucense -de Vilalba- foi o primeiro letrado español en acudir a Estrasburgo
Madrid, 13 de novembro de 2012.-

A delegación da Xunta de Galicia en Madrid foi o escenario elixido polo avogado e escritor lucense para presentar o seu libro, "Unha aventura Europea", publicado por Ophiusa Editorial. A obra está baseada nun caso real, protagonizado polo propio autor, que foi o primeiro letrado español que interveu ante a Comisión Europea de Dereitos Humanos en Estrasburgo, nos anos oitenta. -O segundo, como recordaron na presentación, foi Ruiz Jiménez-.

No acto interviñeron, o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega, o xornalista lucense e director de Ophiusa Editorial, Xulio Xiz e o propio autor, Domingo Goás Chao; e contou entre os asistentes coas artistas María Carretero e Soidade Fernández; o cardiólogo Francisco R. García Fernández e a xornalista Pilar Falcón... entre outros.

Ónega deu a benvida e pronunciou unhas palabras de introdución para dar paso ao presentador e ao autor respectivamente. De Ciz recordou a súa longa e premiada traxectoria profesional, "director de Ofphiusa e Galicia Dixital, ademais de funcionario da consellería de Cultura". De Goás, "xurista excelso, importante e destacado. Escritor de pluma áxil como acredita no libro que hoxe presentamos". Ademais foi definido por Ónega como "refinado gastrónomo" que promove "o prato máis representativo da Galicia lucense, o Capón de Vilalba”, que máis que un prato "é un pracer de deuses".

Para Xulio Xiz, tamén de Vilalba, é unha terra que "dedica a súa mellor produción á exportación, á emigración" e deste feito citou exemplos como Fraga, Rouco, e tamén Domingo, "fillo de Pilar Chao que sacou adiante brillantemente á súa numerosa familia nos tempos nos que a viuvez tiña difícil comprensión e escasa axuda dunha sociedade dura á forza". Polo tanto, Domingo foi "un noviño emigrante, primeiro dos estudos, logo do traballo, por fin do investimento, da asesoría, da Lei, con inicios na súa localidade natal e final, por agora, en Madrid, pasando por todo o mundo".

Do libro, sinalou Xiz que "xa se vía vir" e que "por fin chegou", xa que o autor ten miles de anécdotas, e millares de historias que deben ser escoitadas e están "inevitablemente destinadas a ser escritas para que non se perdan no esquecemento". Na súa faceta como fundador da Confraría do Capón de Vilalba, realizou degustacións ata no Vaticano "onde a curia romana puido comprobar que hai moitos ceos terrestres". Foi Xiz quen recordou que o libro está baseado no caso presentado en Estrasburgo polo primeiro avogado español, honra que ninguén discute malia que o segundo fose Joaquín Ruiz Jiménez. A obra "está chea de humanidade porque nos conta historias de xente especialmente corrente, ou correntemente especial, como calquera de nós".

"Para cometer desatinos, os galegos e os chineses", dixo Domingo Goás na súa intervención chea de bo humor, agradecementos e palabras amables para todo o mundo. "Eu non me considero escritor", dixo, pero fixen este libro por moitas razóns entre elas porque a actual situación dos Dereitos Humanos é moi especial". Ademais aquel caso foi unha experiencia persoal e profesional, en 1980, un momento no que España nin asinara o tratado de Roma de 1957 e non o faría ata cinco anos despois, en 1985. Outra razón foi "o amor a unha muller, que xa non está dende hai 17 anos" e tamén para "encher un oco espiritual". Agora está a preparar seis tomos das súas experiencias en Sudamérica, "é a demencia senil", comentou co seu humor característico.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes