Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Cinco novas rutas polos territorios vinícolas galegos incorpóranse ao programa dos trens turísticos "Galicia a todo tren"

A directora de Turismo de Galicia presentou hoxe en Madrid as novas rutas xunto co presidente da Deputación de Ourense, o director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocios de Renfe e o director da Casa de Galicia en Madrid
Madrid, 10 de xuño de 2014.

 A Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe a presentación do programa dos novos trens turísticos de Galicia ‘Galicia a todo tren', na que interviñeron ademais da directora de Turismo de Galicia,  Nava Castro, o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, e o director de Estratexia e Desenvolvemento de Negocios de Renfe, Rodrigo Hilario.

O programa desenvolvido en colaboración con Renfe acadou gran éxito na súa primeira edición e incorpora agora novos percorridos que permiten aos turistas coñecer os recursos máis singulares da comunidade a bordo dun tren

 A posta en marcha en 2013 deste proxecto pioneiro suma neste ano 2014 cinco trens turísticos do viño que suporán a posibilidade para os viaxeiros de percorrer a riqueza vitivinícola e enoturística do territorio galego

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro destacou o feito de que este proxecto, que comezou o ano pasado como un proxecto turístico pioneiro, inclúa nesta segunda edición novos atractivos grazas á colaboración interinstitucional entre Renfe e a Xunta de Galicia e coa Deputación de Ourense, que vén de integrarse neste programa.

Segundo explicou, o Plan Integral de Turismo de Galicia na súa liña estratéxica sexta incide no turismo como sector multidisciplinar e no que interveñen axentes públicos e privados, de aí a necesidade de coordinación dos mesmos para conseguir un desenvolvemento turístico eficiente e sostible. "Os trens turísticos son un exemplo de colaboración para ofrecer un produto de calidade grazas á creación de sinerxías que combinan o aproveitamento turístico do territorio e a preservación do medio ambiente", dixo Nava Castro.

O ano pasado puxéronse en funcionamento dúas rutas con 30 trens que realizaron itinerarios de media xornada e xornada completa. "O balance final constatou o acerto deste proxecto porque máis de 600 viaxeiros percorreron os itinerarios acadando unha ocupación media do 72,5%".

Este ano, as rutas turísticas en tren de Galicia inclúen a posibilidade de percorrer a través das vías do ferrocarril as Rutas dos Viños de Galicia. En total haberá, xa que logo, 7 rutas con variadas temáticas: a Ruta dos faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e mais cinco Trens Turísticos do Viño, que transcorrerán polos diferentes territorios das Denominacións de Orixe de Galicia –Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras-.

Novidade paquetes combinados

Ao tempo, como novidade, inclúense nesta tempada os packs de fin de semana, nos que se combinan as rutas en tren coa pernoctación dunha noite nun hotel de Galicia, así como paquetes combinados de fin de semana dende outras cidades de España.

A estas rutas turísticas temáticas cómpre engadir a posibilidade de descubrir Galicia co Galicia Rail Pass, o Train and Breakfast Camiño de Santiago, o luxoso Al Andalus Camiño de Santiago e o Transcantábrico. As rutas estarán en funcionamento dende mediados de xullo ata finais de setembro.

Importancia do mercado madrileño para Galicia

A directora de Turismo incidiu tamén en que a Comunidade de Madrid é o principal mercado emisor de turistas para Galicia, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística. No pasado ano rexistráronse en establecementos hoteleiros 416.658 viaxeiros procedentes da capital española, cifra que supera nun 1,3% o dato de 2012.

Madrid supuxo o 16,4% do total de viaxeiros españois e o 17,4% das pernoitas nacionais da comunidade galega. Ademais, un total de 20.098 peregrinos madrileños recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino o ano pasado, un 13,8% máis que en 2012.

A directora de Turismo de Galicia agradeceu tamén a "intensa colaboración de Renfe e mais da Deputación de Ourense a través do Inorde" pola posta en marcha deste "proxecto diferencial do destino Galicia".

A información sobre os trens turísticos pode consultarse na web de Turismo de Galicia e mais na páxina de Renfe, a través das que se poden xestionar as reservas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes