Medios

  • (3456x5184px., 917 Kb.)
  • (3456x5184px., 887 Kb.)
  • (3456x5184px., 910 Kb.)
  • (3456x5184px., 1461 Kb.)

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentado na Casa de Galicia o proxecto cinematográfico "9 Olas", que se rodará en Ourense e Pontevedra

Aposta por unha nova fórmula de produción na que ofrece ao público tres posibilidades de converterse en coprodutor
31 de maio de 2012

A Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu hoxe a presentación de proxecto cinematográfico "9 Olas" no que o innovador espazo cultural, de comunicación e encontros elcercano.com, que dirixe Moncho Conde-Corbal, e o director e guionista da película Simone Saibene, italiano afincado en Ourense dende hai anos, uníronse para rodar a película nas cidades galegas de Ourense e Pontevedra durante o próximo verán, cun novidoso sistema de financiamento que permite a quen o desexe converterse en coprodutor.

Madrid, 31 de maio de 2012. - A Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu hoxe a presentación de proxecto cinematográfico "9 Olas" no que o innovador espazo cultural, de comunicación e encontros elcercano.com, que dirixe Moncho Conde-Corbal, e o director e guionista da película Simone Saibene, italiano afincado en Ourense dende hai anos, uníronse para rodar a película nas cidades galegas de Ourense e Pontevedra durante o próximo verán, cun novidoso sistema de financiamento que permite a quen o desexe converterse en coprodutor.

Na presentación interviñeron o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o presidente da Asociación Española de Historiadores do Cine, Julio Pérez Perucha, o director de elcercano.com, Moncho Conde-Corbal, o director da película, Simone Saibene, e unha das actrices, María Tasande. Tamén se proxectou un "make in off" que explicou o nacemento do proxecto e un vídeo musical da interpretación dun tema da película tocado polo seu compositor.

O proxecto, que xa foi presentado en varias cidades galegas e italianas, aposta por unha nova fórmula de produción, "buscando novas formas de unión de forzas, ilusión e ganas, entre persoas que apostan por certo cambio de paradigma", explicou Conde-Corbal. Calquera pode converterse en coprodutor da película, escollendo entre unha destas fórmulas de participación: venda de accións, dun valor cada unha delas por importe de 100 €, que levan consigo o 0,4 por cento dos dereitos que xere a película ao longo de 25 anos; venda de participacións, dun valor cada unha delas por importe de 50 €, que non leva consigo dereitos económicos pero se o dereito a figurar o seu comprador nos créditos da película, e participación a partir de 10 €, con reserva de entrada para a estrea e carta persoal de agradecemento e recoñecemento ao apoio prestado. Nestes momentos o proxecto conta coa participación de máis de 100 persoas que achegaron conxuntamente a suma de 11.000 euros.

Argumento lendario e atraente

Ónega destacou na presentación que a película, que se rodará nos meses de xullo e agosto, "conta cun argumento lendario e atraente: un home esquece os seus recordos tras beber auga dunha fonte situada entre Galicia e Portugal, momento no que comeza un longo camiño para redescubrir a súa identidade", recordando que xa os soldados de Julio César temeron no seu paso por Galicia atravesar o río Esquecemento pensando que poderían perder a memoria.

Pérez Perucha explicou que o proxecto "se inscribe no que dende hai algún tempo algúns chamamos cine galego", que identificou como o producido en Galicia con independencia do tema que aborde. Tamén que neste proxecto se aborda "un modelo moi interesante de produción cooperativa" que permite crear sen depender das produtoras.

"Galicia é un paraíso para todos aqueles que están, como eu, fascinados pola paisaxe atlántica, o clima cambiante, a simboloxía e os fenómenos de sincretismo. Para min Galicia é un lugar moi especial, non só por ser a miña terra de elección, senón porque sempre a vin como un territorio aberto e pechado ao mesmo tempo, capaz de importar a orixinalidade doutros e fundila coa súa propia", explica Saibene, para quen "a súa identidade borrosa, como a definiu o intelectual Santiago Lamas, se converte no escenario ideal para unha historia como esta, onde se reivindica o dereito á opacidade en
a cuestión da identidade. Porque a identidade, no fondo, non é algo transparente, inalterable, encerrado en confíns inmutables: defínese no acto constante de facerse e refacerse".

Aventura apaixonante

Conde-Corbal asegurou que "traballar novas fórmulas de produción resulta unha aventura apaixonante". O interese de presentar o proxecto en Madrid, explicou, parte de que na capital de España reside un elevado número de galegos "que puidesen interesarse polo que estamos a facer na terra persoas máis ou menos anónimas pero con inquietude sfuiciente para tomar novas iniciativas, presumiblemente algo utópicas pero sempre posibles". "O tema da identidade e a forma de rodar tan persoal de Simone parécenme moi interesantes", engadiu pola súa banda María Tasande.

Este será a primeira longametraxe do director italiano Simone Saibene que xa dirixiu varios documentais, un curto e un mediometraje e que se licenciou con matrícula de honra en Ciencias da Comunicación na Universidade IULM de Milán cunha tese titulada "Para unha xeografía do cine. A rexionalización do cine español: o caso de Galicia". O seguimento do proxecto pode ser consultado en www.elcercano.com.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes