Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O concello lucense de Ribadeo presentou na Delegación da Xunta en Madrid o "Ribadeo Indiano"

Unha celebración coa que os ribadenses poñen en valor o seu rico legado emigrante
Madrid, 24 de xaneiro de 2019.

O Concello de Ribadeo presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, a nivel internacional, o evento histórico cultural "Ribadeo Indiano", co que os ribadenses poñen en valor, desde fai xa cinco anos, o seu rico legado emigrante, celebran valores como a integración, a solidariedade, a concordia e a interculturalidad e contribúen a que os países de acollida non sexan só lugares onde repousa boa parte da memoria de Galicia senón tamén territorios de futuro, prósperos e útiles para todos a través do mutuo intercambio e coñecemento. Celebrarase os días 12,13 e 14 do próximo mes de xullo.

Na presentación, realizada aproveitando a celebración en Madrid da Feira de Turismo Internacional (Fitur), proxectouse un vídeo promocional do evento e interviñeron o alcalde da localidade, Fernando Suárez Barcia, a súa concelleira de Turismo, Desenvolvemento Local e Fomento, Ana María Martínez Fernández, o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Francisco Miguel Iriarte Quintana, a profesora titular de Historia de América da Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Cagiao Vila, e o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López. Desde a distancia tamén interviñeron ribadenses residentes na Habana, Buenos Aires, Nova York, Atenas, Londres e París, contactados por teléfono polo alcalde da localidade, e o cantante cubano Pablo Milanés, que enviou un saúdo gravado, e presencialmente, na quenda de intervencións, varios dos asistentes, como o presidente da Asociación Internacional de Historiadores Americanistas, Jorge Díaz.

O acto puido seguirse por "streaming" a través da páxina de Facebook do "Ribadeo Indiano" e entre os numerosos asistentes -encheron as salas A e B e parte do "hall"- estaban o embaixador de Arxentina, Federico Ramón Porta, a agregada cultural da Embaixada de Cuba, Maricela Fernández, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, a súa antecesora no cargo, Raquel Arias, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real, e os xornalistas galegos Jenaro Castro e Pilar Falcón.

Ónega dió a benvida a participantes e asistentes e desexou éxito á iniciativa, lembrando a importancia que en Galicia tivo a emigración e os numerosos galegos que aínda residen no exterior.

Suárez Barcia lembrou que desde mediados do século XIX ata mediados do século XX foron multitude os ribadenses que optaron por buscar en América o futuro que non atopaban aquí, "de forma que hoxe practicamente non hai veciño deste concello que non conte con algún familiar alén do Atlántico". A aventura foi distinta para cada un deles e só uns poucos retornaron con capital, un triunfo que exhibiron a través dos símbolos de status social da época, marcadores distintivos que hoxe coñecemos como as edificacións indianas que deixaron unha profunda pegada en Ribadeo, na arquitectura, o urbanismo, na transformación agraria, na educación, a cultura, etc. "Pódese dicir que nel indiano que volveu con éxito hai moito de ostentoso, pero tamén, de xenerosidade para co seu pobo", apreciou, indicando que Ribadeo é "o municipio galego con maior proporción de arquitectura indiana".

O alcalde valorou que o municipio "necesitaba un evento destas características que servise de plataforma para mostrar a importancia deste patrimonio, tanto material como inmaterial" que se converteu en "elemento diferenciador" do municipio. "O que se pretende co Ribadeo Indiano é convertelo nun motor económico e desestacionalizador que permita crear actividades dinamizadoras tanto temporais como permanentes" sinalou, incidindo en que "é un evento solicitado e demandado polos diferentes sectores económicos deste Concello en particular e pola cidadanía en xeral".

"Ribadeo é o municipio galego que en termos relativos posúe o maior número de casas indianas ou de indianos. Hoxe en día o municipio de Ribadeo conta con dous itinerarios, un urbano e outro o rural, a través dos cales o visitante pode coñecer o esencial do legado indiano e as edificacións máis significativas, que están catalogadas como xoias arquitectónicas", informou Suárez Barcia.

Martínez Fernández explicou que o "Ribadeo Indiano", que nas súas primeiras edicións celebrouse a segunda fin de semana de xullo, desenvolveuse "aproveitando o rico escenario arquitectónico e coa intención de rememorar vellos tempos, facendo do Ribadeo do século XXI un escenario onde localizar un ambiente propio de principios do século XX, recreando unha sociedade claramente influenciada pola cultura, tradicións e modas cosmopolitas traídas polos indianos". Referiuse tamén á repercusión económica do "Ribadeo Indiano", que involucra aos comercios locais e á hostalería e a restauración.

"Ribadeo Indiano vai máis aló deste evento histórico-cultural. Non só preténdese promover a conservación e recompilación de todo este legado senón tamén a permanencia do vínculo coa cultura de ultramar", mantivo, engadindo que "outro dos obxectivos é a promoción de Ribadeo como o destino turístico máis representativo do fenómeno da emigración sendo este un dos produtos turísticos máis diferenciadores".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes