Aegama e a Fundación Ciudad presentan na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o próximo encontro do Foro Iberoamericano de Ciudades

Terá lugar na cidade ecuatoriana de Ambato os días 10, 11 e 12 de novembro de 2017
Madrid, 17 de outubro de 2017.

A Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), que preside Julio Lage, e a Fundación Ciudad do Foro Iberoamericano de Ciudades, que preside Tomás Vera, celebraron hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia un almorzo informativo sobre o próximo encontro do Foro Iberoamericano de Ciudades, que ten programado celebrarse en Ecuador, na cidade de Ambato os días 10, 11 e 12 de novembro, aínda que se apuntou a posibilidade dalgún atraso por axustes na axenda do presidente de Ecuador.

Ademais de Lage e Vera, interviñeron na presentación Montserrat Quinzán, socia directora B2L, empresa asociada a Aegama, que presentou ao Foro e a Vera, e Ramón Pérez, coordinador de Actividades Culturais da Casa que dió a benvida aos asistentes e presentou o acto en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, que ao comezo da presentación achábase no encontro de Fórum Europa co ministro de Xustiza, Rafael Catalá, e incorporouse máis tarde. Ao comezo do acto gardouse un minuto de silencio polos incendios sufridos en Galicia e as súas vítimas.

Lage introduciu o acto falando da importancia que ten para as empresas a internacionalización e apreciando que para as empresas galegas Iberoamérica constitúe unha zona ideal pola proximidade cultural e a facilidade idiomática. Referiuse a Ecuador como un país de oportunidades para as empresas e subliñou que os organizadores do Foro desenvolveron unha rede de relacións coas administracións públicas que permite que as empresas se acheguen a eses países con menos risco de equivocación.

Pola súa banda, Vera explicou que a Fundación Ciudad nace co obxectivo de crear espazos urbanos máis vivos e estimulantes onde as persoas sexan o principal protagonista, vivindo nunha cidade accesible, planificada, eficiente e respectuosa, que enfronte desafíos como as desigualdades sociais e os efectos do cambio climático. Para iso realiza o Foro Iberoamericano de Ciudades, un evento que se realiza en Latinoamérica, España e Portugal, que ten por obxecto a definición práctica dun modelo de desenvolvemento de cidades intelixentes, eficientes, sustentables e inclusivas, que pon en contacto ás empresas que ofrecen os seus servizos coas persoas con poder de xestión nas cidades para, entre outras cousas, implementar infraestruturas e solucións nos ámbitos da auga, residuos, enerxía, mobilidade, smart city, vivenda, seguridade, etc.

Así,  a próxima edición do Foro preséntase como  unha inmellorable ocasión para presentar as mellores solucións para as cidades a máis de 100 alcaldes, presidentes provinciais, e os principais ministerios de Ecuador. Anunciou así mesmo que o Foro, que se iniciou en México en 2015, celebrará outros encontros en Perú, Colombia e México ao longo de 2018.

Vera resaltou así mesmo que, como recoñecemento e en apoio ao labor que realizan, o Goberno de España, declarou recentemente o Foro Iberoamericano de Ciudades como "Acontecemento de Excepcional Interese Público". Esta consideración supón, ademais dun importante respaldo, os maiores incentivos fiscais que outorga o Goberno de España ás empresas.

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes