Terceira entrega do cómic "A espada de San Eufrasio"

O novo libro, que leva por título "Un pacto con Satanás" presentouse na Delegación da Xunta en Madrid
Madrid, 27 de febreiro de 2020.-

Os amantes do cómic histórico baseado na Idade Media están de parabén porque teñen no mercado un novo título que se presentou esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid, o libro "La espada de San Eufrasio. Un pacto con Satanás", dos guionistas Pepe Rey, Miguel Fernández e o debuxante Manuel López Poy, terceira entrega da colección publicada por Diábolo Edicións. Neste novo libro continúa a conspiración que dá lugar á Revolta Irmandiña na primavera de 1495.

A historia prosegue e mentres no Reino de Castela sucédense as intrigas pola sucesión de Enrique IV, en Galicia a guerra entre os señores feudais tórnase máis cruel e desapiadada cada día. O Bispo de Lugo, o Arcebispo de Santiago e os condes de Lemos e Benavente pelexan encarnizadamente polo control do territorio e sobre todo pola posesión do Camiño de Santiago e as riquezas que por el circulan. No medio de todo iso, Rosendo e a súa familia, uns campesiños expulsados das súas terras e obrigados a converterse en bandoleiros, loitan por recuperar a súa casa e sobrevivir na contorna hostil da montaña galega, atrapados nunha guerra de todos contra todos na que irrompen con forza dous novos personaxes: o mercenario Don Nuño e o seu escolta, o mouro Mahmid.

A presentación do acto correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa Ramón Jiménez e nel interviñeron os autores da obra Pepe Rey, Miguel Fernández e Manuel López Poy, así como Lorenzo Pascual de Diábolo Edicións.

Jiménez lembrou nas súas palabras que hai pouco menos dun ano, nesta mesma sala, e cos mesmos protagonistas, (o debuxante Miguel Fernández, natural de Baralla (Lugo); e os guionistas Manuel López Poy, de Sarria (Lugo) e Pepe Rey, madrileño descendente de galegos por liña paterna), viron a luz os dous primeiros tomos da colección. O 7 de marzo do pasado ano "aproveitamos para animarlles a presentar aquí o terceiro, o que prometeron e cumpriron. É dicir", engadiu Jiménez, "que dalgunha maneira fixemos tamén nós un pacto co Diábolo que nos saíu de marabilla".

O editor Lorenzo Pascual explicou os motivos que lle levaron a implicarse no proxecto da serie La Espada de San Eufrasio, facendo fincapé en "a complexidade que supón publicar unha serie de cómic nestes tempos cun mercado tan irregular".

Lorenzo Pascual explicou que coñecía a Miguel e a Manuel por compartir outros proxectos e que decidiu embarcarse neste porque "me gustou e pareceume interesante e novo o que estivese ambientado en Galicia, co Camiño de Santiago como pano de fondo das aventuras". A edición, do mesmo xeito que as anteriores, está acorde coa obra, en tomos de 48 páxinas, en cartoné e a cor. Tamén falou da importancia que supón o apostar por unha serie histórica así como das esixencias da mesma en canto a presentación e detalles técnicos da edición.

O guionista e creador da idea orixinal, José Rey deu a coñecer detalles da xénese do proxecto e a súa evolución, así como o "intenso e longo proceso de documentación e apoio ao debuxante na ambientación histórica, xeográfica e monumental". Máis dunha década separan a inspiración que lle chegou na casa paterna de Vilalba ata que por fin a idea materializouse nos primeiros tomos. Ademais engadiu detalles sobre o traballo para a creación dos personaxes e as claves para a evolución da trama histórica.

O debuxante Miguel Fernández falou sobre a evolución gráfica da obra desde o primeiro capítulo ata o terceiro e contou os pormenores técnicos de compaxinar debuxo tradicional con debuxo por computador. Tamén se centrou nas dificultades do traballo de documentación gráfica, algo fundamental nunha serie de contido histórico, ambientada nunha época na que non abundan as referencias gráficas de vestimentas, utensilios, etc. "Uno dos aspectos máis importantes é a reprodución de edificios históricos e a complicación que supoñen os cambios que sufriron ao longo dos séculos", sinalou.

O labor de Manuel López Poy foi poñer a súa experiencia como escritor e guionista de cómics ao servizo do proxecto de Pepe, que coñecía desde facía anos. En realidade, foi López Poy quen propuxo darlle forma de cómic porque lle pareceu moi atractiva a combinación de relato de aventuras medievais protagonizadas por unha familia de campesiños galegos e o relato histórico protagonizado por personaxes reais. "A mestura de ficción e feitos históricos creo que é unha combinación que lle dá un atractivo especial, ademais do reto de abordar unha historia deste tipo por primeira vez en Galicia", dixo. Tamén centrou a súa intervención nos aspectos técnicos de construción do guion e o proceso creativo a varias bandas vía dixital, tendo en conta que os tres autores da obra viven en cidades distintas (Lugo, Madrid e Barcelona), o que supón ter que contar coa tecnoloxía como aliada imprescindible. Fixo fincapé no proceso de como a idea orixinal converteuse e pasou á narrativa propia da novela gráfica e a evolución da trama en tres liñas argumentais distintas: a persoal da familia protagonista, a política cos personaxes reais do clero e a nobreza, e o fondo histórico da situación social que levou ao estalido da Revolta Irmandiña.

http://www.diaboloediciones.com/

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes