Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentan na Casa de Galicia o libro "Epigramas [2015"] , do coruñés Ramiro Facal, editado por Huerga & Fierro

O autor fai crítica social, en verso, partindo de noticias publicadas na prensa
Madrid, 20 de outubro de 2016.

Na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia presentouse esta tarde o libro "Epigramas [2015]", unha obra do poeta e economista coruñés Ramiro Facal editada por Huerga & Fierro Editores, na que o autor fai crítica social, en verso, do que acontece en España e no resto do mundo partindo de noticias publicadas na prensa española de ámbito nacional, sobre as que cada día elabora un epigrama ou composición poética breve e aguda que expresa un motivo festivo ou satírico. Na presentación interviñeron o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, o autor da obra, o seu fillo, o poeta, director de teatro e dramaturgo Darío Facal, o xornalista e escritor Carlos G. Reigosa e o editor Antonio J. Huerga.

Ónega resaltou que a obra se ha feito ao longo de todo un ano, "día a día", a epigrama diario, sobre unha selección de noticias destacadas e presentou aos intervenientes no acto con especial detemento no autor, Ramiro Facal. Del destacou como, despois dunha exitosa carreira como economista, retomou a vocación de poeta que cultivou na súa mocidade e ao longo dos seus estudos e que o fixo con afán e utilizando o verso "como arma arreboladiza contra todo e contra todos, tanto para a crítica como para o encomio".

Antonio J. Huerga encomiou o esforzo de Facal en facer as "crónicas en verso" que recolle o libro sobre temas puntuais aparecidos na prensa e apreciou que a valoración que pode facer un editor sobre unha obra móstrase no feito mesmo de publicala. Lembrou así mesmo que o seu editorial, xa de longa traxectoria en España, sempre apostou polos autores emerxentes, sen dar as costas aos consagrados. Entre os primeiros atopáronse precisamente os presentadores do libro, Carlos G. Reigosa, Darío Facal e José Ramón Ónega, nos seus primeiros contactos coa literatura.

Carlos G. Reigosa valorou que "o que hai neste libro é fácil de dicir, moi fácil de contar, pero é moi difícil de facer. Porque a aparente sinxeleza dun epigrama, cando un leo, oculta a enorme esixencia que entraña a súa composición poética. Custa moito atinar coa palabra, coa rima, co verso e, ao cabo, coa idea, que ha de ser sempre suxestiva e clara, pero tamén vigorosa e contundente. Porque só así chamará a nosa atención". "Os epigramas de Ramiro Facal cumpren estes requisitos e inscríbense nesa tradición que se forxa na Grecia clásica e que, como un longo río de talento, chega ata hoxe, para depositarse neste libro", engadiu, considerando que esta obra "é unha boa mostra do talento acumulado" e subliñando que "os epigramas de Ramiro Facal nacen da realidade de cada día".

Darío Facal improvisou sobre a figura do seu proxenitor, como persoa e pai, con especial referencia á influencia que a través da educación tivo nel, na súa percepción das cousas e maneiras de enfrontarse á vida. "A el debo todo o que son", afirmou, asegurando así mesmo que os eloxios que lle dedicou facíaos "con ecuanimidade" e desde "unha idade que poderiamos dicir encarrilada, dentro do que se poida encarrilar nos momentos actuais".

Pola súa banda, Ramiro Facal lembrou que a súa afección á poesía naceu "durante o meu internado nos Salesianos da Coruña e continuou durante a miña época universitaria na Universidade Complutense de Madrid", onde estudou Ciencias Económicas. "Daquela a vida profesional e os seus compromisos, conseguiu afastar a vea poética da rutina diaria. Xa afastado da vida laboral cotiá, rexurdiu de novo, pero dunha forma caótica. Un día xurdiu en min a idea de levar a cabo este proxecto, lendo os epigramas do meu amigo (xa falecido) Francisco Liguori (Pancho para os amigos), gran avogado, gran epigramista e gran mexicano, a quen dedico esta obra", expuxo.

"Para implantar un pouco de orde nos meus pensamentos, decidín iniciar o proxecto de facer un epigrama todos os días, mentres a cabeza aguantase, sobre unha noticia que chamase a miña atención, pero non funcionaba xa que a pregunta de todos os que me lían sempre era a mesma: que queres dicir? ou a que che refires? E aí xurdiu o actual guión: selecciono a noticia da portada dos diarios El Mundo, ABC, El País ou La Razón e sobre ela intento explayarme. Eles danme o pé e eu só poño o refrán", explicou. Tomou como punto de partida o inicio do ano 2015 para ir escribindo día a día e ver ata onde era capaz de chegar: "Fixábame metas novas segundo ía completando as que me propoñía anteriormente e, ´día a día´, ´verso a verso´, cheguei ata finalizar o ano 2015".

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes