Presentado na Delegación da Xunta en Madrid "O dono do derradeiro minuto", primeiro libro en galego de Luís García Montero

A obra do poeta e director do Instituto Cervantes é unha antoloxía con poemas de diferentes etapas da súa vida
Madrid, 20 de xaneiro de 2020.-

"O DONO DO DERRADEIRO MINUTO. Cincuenta poemas en galego" é o título da primeira antoloxía en galego do poeta, crítico literario, profesor da Universidade de Granada e director do Instituto Cervantes, Luís García Montero e que foi presentada hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia. A obra, publicada por Tulipa editora, recolle unha coidada selección de poemas de moitos dos seus libros -escritos en tres décadas-, e que agora ven a luz traducidos ao galego por Isaac Xubín.

Interviñeron, ademais do autor Luís García Montero; o secretario dos libreiros de Madrid, poeta e escritor, Pablo Bonet; a directora de Tulipa Editora, Isabel Patiño Amboage; e Sabela García que recitou en galego algúns poemas do escritor.

A presentación do acto correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa de Galicia Ramón Jiménez e nela lembrou que non era a primeira vez que García Montero visitaba a Casa "pois xa en maio de 2008 participara nesta mesma sala nun recital xunto aos poetas Lucía Aldao e Nuno Júdice dentro dun ciclo de Estacións Poéticas coordinado polo escritor e crítico literario Vicente Araguas". Naquela ocasión o recital correspondía á primavera e fíxoo baixo o título "Da primavera heroica". Jiménez referiuse tamén brevemente aos Seis poemas en galego de Lorca, "outro poeta granadino", publicados en decembro de 1935 pola editorial Nós. Oito décadas pasaron xa entre aqueles de Lorca e estes de García Montero.

Para Isabel Patiño, activista cultural, apaixonada da fotografía, coleccionista emerxente e directora de Tulipa Editora-, "esta antoloxía ofrece cincuenta sensacións da vida de Luís en momentos distintos dun poeta comprometido coa necesidade de liberdade, de valores, falando de emoción, familia, política, amigos, poetas que admira...". Considera ademais da obra que "é unha honra para a editorial, un agasallo para a poesía galega actual e unha xoia para a nosa lingua".

Para Pablo Bonet, esta antoloxía de Montero permite "comprender a súa dimensión e sentir a súa proximidade expresada poéticamente como un cidadán máis, preocupado polo tempo que lle tocou vivir, compartindo a súa visión crítica e a súa esperanza, achegando a poesía á realidade, transcendendo a súa experiencia persoal cara ao social, cara ao compromiso cos demais". O que ademais agora sexa en galego faia máis especial por "o seu aspecto melódico e o seu musicalidad que fará as delicias dos seus lectores e lectoras nesta lingua".

Pola súa banda o autor, Luís García Montero asegurou que "a tradución da propia poesía a outros idiomas sempre provoca unha especial emoción porque estende o horizonte do mundo persoal e porque se enriquece da propia mirada pola complicidade do tradutor". No caso desta versión ao galego "esta emoción multiplícase para un lector de Rosalía de Castro e para alguén que lembra o episodio de amizade dos poemas galegos de Federico García Lorca". Destacou tamén a especial ilusión que sempre lle fai lembrar a amizade xuvenil con Ramiro Conté cando empezaban a escribir. "Son un convencido da riqueza que supón a diversidade cultural e lingüistica de España e por iso estou moi agradecido ao meu tradutor Isaac Xubín que mirou o libro como un día de festa, ao coordinador do proxecto Antón Sobral e a Isabel Patiño directora da editorial Tulipa editora", sinalou.

A nova estudante e artista multidisciplinar Sabela García Patiño foi a encargada de "darlle voz de novo aos fermosos poemas de Luís García Montero, sentíndome dobremente emocionada, por recitar os seus poemas e ademais nesta ocasión facelo na miña lingua", dixo.

Tamén García Montero recitou os mesmos poemas pero en castelán polo que todas as persoas que asistiron á presentación tiveron a oportunidade de saborear os versos en ambos idiomas, coa entoación e musicalidade que caracterizan a cada un.

 

Luís García Montero naceu o 4 de decembro de 1958 en Granada. Estudou nos Escolapios e na Universidade de Granada onde se licenciou Filosofía e Letras e doutorouse cunha tese sobre Rafael Alberti, co que lle uniu unha gran amizade.

Comezou a traballar como profesor asociado na Universidade de Granada en 1981.

Vinculouse ao grupo poético da outra sentimentalidad, pero a súa traxectoria persoal foise ampliando no que se foi coñecendo máis tarde como Poesía da experiencia. Tamén cultivou el ensaio e é columnista de opinión.

Entre os seus premios están o Adonáis (1983); Loewe (1994); o Premio Nacional de Literatura (1994); Premio Nacional da Crítica (2004); Premio do Gremio de Libreiros (2009); Premio Poetas do Mundo Latino, pola súa traxectoria. (2010).

A súa poesía caracterízase por unha linguaxe coloquial e pola reflexión a partir de acontecementos ou situacións cotiás.

Desde 2018 é director do Instituto Cervantes.


 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes