"En Blanco", de Manuel Mandianes, unha viaxe pola selva que combina soños, realidade, claroscuros e dilemas éticos

Primeira novela do sociólogo e antropólogo galego autor dunha ducia de ensaios que lle aportaron fama de pensador profundo e certeiro
Madrid, 19 de novembro de 2018

En Blanco, do sociólogo e antropólogo galego Manuel Mandianes, mergulla ao lector na peripecia persoal dun home fondo e dubitativo que cruza o mundo por un ideal, atravesando a selva colombiana e confrontando os seus soños coa realidade. A obra, publicada por Unomasuno Editores presentouse esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia e é a primeira novela de Mandianes, autor dunha ducia de ensaios que lle aportaron a fama de pensador profundo e certeiro.

No acto interviñeron, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; o editor, Andrés Sánchez Magro; o académico da Real Academia da Historia e da Academia de Boas Letras de Granada en Madrid e vogal do Real Padroado do Museo do Prado, Luís Alberto de Cuenca; o director de Religión Digital, José Manuel Vidal; e o propio autor, Manuel Mandianes.

Nas súas palabras, Ónega lembrou a presentación que o escritor e teólogo fixo na Casa hai xa un par de anos. Naquela ocasión o libro era El fútbol (no) es así, un estudo no que o autor analizaba as estruturas esenciais sobre as que se apoia o fenómeno fútbol, e tentaba descubrir que había detrás. Un acto que contou coa presenza do xornalista Fernando Ónega, e do tamén xornalista e presentador de deportes de TVE, Sergio Sauca. "Hoxe, dous anos despois, Manuel Mandianes tráenos a súa primeira novela, na que un home cruza o mundo por un ideal. A selva colombiana é o imaxinario no que este protagonista confronta os seus soños coa vibrante realidade. Un mundo cheo de claroscuros, de dilemas éticos, nun contexto no que o espiritual, o carnal, e toda a paleta de cores da vida exprésense como o espello dos nosos propios medos. Unha procura onde se expón a cuestión capital de se é posible amar e loitar pola xustiza", relatou Ónega

Para Sánchez Magro, "é un privilexio poder colaborar en que vexa a luz unha obra tan persoal, tan espida e tan intensa como esta, baixo a aparencia dunha secuencia fotográfica, hai toda unha panoplia de reflexións sobre o compromiso, as ataduras morais e dúbidas nun país tan contraditorio, belo e quente como Colombia", dixo. "Como editor é unha satisfacción poder colaborar na súa difusión", sinalou.

Para José Manuel Vidal, " Mandianes posúe un saber enciclopédico e coñece a todo o mundo, tamén das altas esferas, empresarios, políticos... Loita polos pobres e alimenta a súa mochila persoal con todo tipo de coñecementos". Para Vidal, o autor é "un ser excepcional, coñecido e querido, co que en Galicia non é posible dar un paseo porque as súas intervencións en programas como Luar fixéronlle aínda máis apreciado e popular".

"Se Manolo Mandianes non existise, habería que inventalo", dixo Luís Alberto de Cuenca, tal e como xa escribiu para o prólogo do libro, e que leu na presentación "porque ninguén le os prólogos e esta é boa ocasión para facelo". "É un gran tipo. Unha persoa das que ultimamente andan escaseando. En En Blanco fálanos en primeira persoa, pero novelizando de forma tenue e crible a súa autobiografía para facela máis divertida e aventureira", algo co que o autor non está de acordo pois sinalou que o protagonista da súa novela é produto da súa imaxinación, "aínda que é verdade que se nutre das miñas vivencias en Colombia".

Manuel Mandianes dixo da súa obra que "é a procura de respostas dun crente fronte ao nihilismo actual". Con ela quixo "sondar o misterio de ver que hai alén". Insistiu en que "non é unha novela autobiográfica, aínda que teña experiencias persoais. Fixen un esforzo para que non o sexa. Construín o personaxe con moitas anécdotas e historias que me chegaron". Tamén comentou que "a poesía e a novela son medios polos que os autores se confesan". Esta novela é moi dura. "Ten escenas moi fortes", sinalou, e que si son reais. No acto relatou con humor como cambiaron os tempos, "tanto como para facer posible que alguén como eu, dunha pequena e perdida aldea galega, conte entre as súas amizades a alguén como Luís Alberto de Cuenca", detalle que foi moi celebrado. Engadiu nas súas palabras anécdotas e sucedidos, que debullou con entusiasmo e mesmo escenificou; un entusiasmo que transmitiu ao público e fixo que o acto resultase moi ameno e distendido. "Aínda que tiven unha vida moi sacrificada foi moi enriquecedora", concluíu.

Manuel Mandianes é antropólogo do Consello Superior de Investigacións Científicas, galego ilustre, misioneiro en Colombia durante 5 anos, estudou e doutorouse en Antropoloxía e en Teoloxía, en Francia, e en Ciencias Políticas, en España. É autor de máis unha ducia de ensaios, entre eles Loureses un village da Galice, O val de Josefat, As serpes contra Santiago, Peregrino a Santiago, O río de esquecemento, Raposiño e o cego, Viaxe sen retorno e El fútbol (no) es así. Pronunciou conferencias e participado en congresos de diferentes países. A súa presenza nos medios de comunicación é constante. Escribe desde hai anos unha colaboración na Tribuna de El Mundo e tamén participa de forma puntual en varios programas de radio e televisión.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes