Medios

  • Mesa (2848x4288px., 596 Kb.)
  • Público (2848x4288px., 864 Kb.)
  • Firma (2848x4288px., 842 Kb.)

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Alfonso Palomares presentou o seu último libro "El evangelio de Venus" na delegación da Xunta en Madrid

O xornalista e escritor galego estivo acompañado por numerosos amigos entre eles, Carmen Alborch, José Barrionuevo, Luis Mª Ansón, Mariluz Barreiros...
Madrid, 17 de decembro de 2012

No acto de presentación interviñeron o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega López; o director xeral da editorial Edhasa, Daniel Fernández; a exministra de Cultura e senadora, Carmen Alborch e o propio autor, Alfonso S. Palomares e contou coa asistencia de numerosos amigos, entre eles, José Barrionuevo, Luis María Ansón, Mariluz Barreiros, o senador Miguel Fidalgo, así como presidentes e membros das asociacións galegas en Madrid.

Para Ónega, "Alfonso deixou nesta Casa unha pegada imborrable e ponderada, co seu bo facer, a súa condición humana excelente e o seu talante de amigo. É ademais, un xornalista de raza, de recoñecida estirpe e pluma áxil e sabia". En relación a "El evangelio de Venus" Ónega sinalou que se trata dunha obra que "reclama suma atención e marca un momento exepcional na traxectoria literaria de Alfonso".

Para Daniel Fernández, que se declarou como galego nacido en Barcelona, porque é fillo de galegos “e tamén nós, como os de Bilbao, nacemos onde queremos", o máis rechamante da novela de Palomares é a "linguaxe da época, cunha perfecta invención e moi ben documentada. Un gran traballo xornalístico e literario".

Pola súa banda, Carmen Alborch destacou nas súas palabras que é unha "complexa obra" cunha mestura de ingredientes tan dispares como "ambición, poder, paixón, medo, vinganza, pesadelos... nunha época escura". Fixo Alborch unha rápida descrición dos diferentes personaxes da novela, centrándose especialmente nos femininos. "As protagonistas son tres mulleres, tres poderosas mulleres moi significativas. A vinganza chega a perseguir que se xulgue un cadáver, para que pague polas felonías realizadas en vida e que a morte non resolve".

Para Palomares, tras os agradecementos, explicou que a historia que inspirou a novela bulía na súa cabeza dende había "moitos anos", pero era necesario "encerrarse no século X". A ficción esixíalle crear un ambiente de tebras co aire dramático dos esperpentos grotescos arredor do xuízo ao cadáver do papa Formoso, que xa levaba nove meses enterrado cando o desenterraron para sometelo ao macabro xuízo. "Realmente só se sabe que houbo ese xuízo, que tivo lugar en San Juan de Letras e ás penas que o condenaron. O autor explicou que non se conservan as actas porque un dos papas que lle sucederon ordenou que se destruísen.
A obra baséase nese episodio, o "máis brutal" da historia dos pontífices, nun dos "séculos escuros", no que tres mulleres dominan o papado, cada unha ao seu xeito, nomeando, derrocando e asasinando papas. Os personaxes centrais son o Papa Sergio III e Marozia, que eran familia afastada e se levaban 25 anos. O percorrido que nos propón o autor discorre polos intricados labirintos do Vaticano, nuns tempos nos que a fe e a virtude se mesturaban cos grandes pecados capitais.

ALFONSO S. PALOMARES é licenciado en Dereito e Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Destacou especialmente como director de xornais e revistas en España. Fundou en 1964 a axencia Radial Press e foi comentarista de política internacional en Sábado Gráfico e Cambio 16. En 1973 fundou e dirixiu a revista Ciudadano e despois dirixiu Posible e Leer. Foi comentarista de política internacional en El periódico de Cataluña e nomeado presidente e director xeral da Axencia EFE en 1986, cargo que ocupou durante dez anos. En 1997 incorporouse ao Grupo Zeta como director de relacións internacionais e asesor editorial, así como comentarista político da revista Tiempo e El Periódico, onde aínda colabora. En 2001 foi nomeado director do Diario de Córdoba e editor de Onda Mezquita e, en setembro dese mesmo ano, asumiu o cargo de presidente do Consello Social da Universidade de Córdoba. Ademais foi director da Casa de Galicia en Madrid de 2006 a 2009. Actualmente é colaborador de diversos medios e escribiu máis dunha decena de libros.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes