Presentado o libro "Arturo Baltar, el caminante que deshoja paisajes" de Marifé Santiago, homenaxe ao insigne artista

O acto, que se celebrou na Delegación da Xunta en Madrid, contou coa asistencia do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez
Madrid, 23 de outubro de 2018

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do libro "Arturo Baltar, el caminate que deshoja paisajes", de Marifé Santiago Bolaños, publicado pola editorial Huso, e que contou coa participación do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. A obra/homenaxe está escrita entre o ensaio e a poesía e é o resultado do diálogo e a amizade da autora co insigne escultor e artista galego. A publicación inclúe un DVD co completo audiovisual "Arturo Baltar, camino y barro", dirixido por Nicolás García, coa banda sonora a cargo do violín e o piano das tamén ourensás Raquel e María Luz Rivera, con pezas de Manuel de Falla.

No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; a autora, Marifé Santiago; Nicolás García, de Catorce Produciones; Raquel Rivera, violinista do Dúo Rivera; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; e Mayda Bustamante, de Huso Editorial.

Para Ónega, "o libro que presentamos hoxe ten a súa orixe na amizade de máis de 30 anos de Marifé Santiago co recoñecido escultor. Foi el quen lle pediu que escribise unha "biografía soñada" próxima ao seu mundo creativo". O texto foi supervisado polo propio Arturo Baltar, pero entrou en imprenta poucos días antes do seu falecemento, polo que a publicación converteuse nunha homenaxe a quen foi un dos grandes artistas galegos do século XX.

Na presentación, que se realizou co formato "conversación, preguntas, respostas", os participantes deixaron frases, reflexións e fragmentos do libro que foron perfilando o verdadeiro ser de Baltar.

Marifé Santiago, doutora en Filosofía, profesora Titular de Estética e Teoría das Artes na Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, definiu a Baltar como "Artista indispensable que, na súa maneira misteriosa e plena de vivir a creación, deixa un legado cuxo compromiso se converte en camiño para ser transitado con actitude de militancia na Beleza". Para a autora, "o libro é un agasallo e un agradecemento, porque a súa amizade foi un agasallo para todos". Explicou que Baltar protagonizou este ensaio poético biográfico do que participou aínda que se fose antes de que se editara. "Fai dez anos que empezamos a escribilo e el só me pediu que a linguaxe non fose académica, que se parecese ao mundo que teceramos coa nosa amizade", comentou Marifé, quen coñeceu ao creador cando chegou á cidade para traballar como profesora de Filosofía, diso fai máis de tres décadas.

"É para min unha honra e un pracer celebrar, en nome da cidade de Ourense, estas publicacións", dixo o alcalde Jesús Vázquez, "tanto a do libro como da peza audiovisual: Unha delicadeza dirixida por Nicolás García e musicada polo violín e o piano das ourensás Raquel e María Luz Rivera a partir de composicións de Manuel de Falla", e insistiu, "Repito: unha delicadeza que inmortaliza para sempre a voz de Arturo Baltar". Engadiu ademais, con énfase, que "se trata dunha débeda que temos con todos os nosos artistas: NON nos podemos permitir que o seu legado caia no esquecemento, e debemos divulgar a súa arte entre as novas xeracións de ourensáns que non tiveron a satisfacción de coincidir no tempo con eles". Para concluír resaltou que "con este acto tributámoslle, unha vez máis, o agarimo, o recoñecemento e a gratitude dunha cidade que o quere, que sempre o botará de menos e que nunca se cansará de reivindicalo".

Pola súa banda, Mayda Bustamante, dixo que para Huso Editorial "é un privilexio ter a Arturo Baltar no seu catálogo" e referiu que o nome da empresa obedece a que "somos fiadores de historias que se fían na rueca da imaxinación. Fiandeiras, fiandóns, fiadeiros, tecedeiros, tecidos, textiles, textos, fíos, liñas…". E que conta cuns obxectivos moi claros: "Difundir a excelencia da escritura de autores de todos os continentes e linguas, a partir da premisa de que esas obras conecten cos temas que rexen o noso presente". Con especial atención a "a literatura escrita por mulleres, creadoras ás que o tempo e as circunstancias da historia desterraron inxustamente do panorama editorial, e os escritores visionarios ou excéntricos á súa época, cuxas obras influíron no xurdimento de importantes movementos artísticos, estéticos e literarios".

Os asistentes ao acto puideron coñecer "case en persoa" a Baltar, grazas á proxección do audiovisual que protagonizou en vida, e tamén puideron gozar in situ, das pezas musicais que o acompañaron interpretadas pola violinista Raquel Rivera.

O libro divídese en nove capítulos que falan de entre outros aspectos, da orixe, a historia, as memorias, a arte das palabras… todo iso con gran profundidade poética, para achegar ao lector á figura de Arturo Baltar cunha perspectiva diferente, con autenticidade e sentimento.

Arturo Baltar Santos, escultor galego (Coles, 1924, Pereiro de Aguiar, 2017), cuxos traballos máis representativos foron as delicadas e pequenas pezas ou conxuntos delas, en arxila. Meticulosas e sinxelas de forma illada e complexas ao formar parte de amplas escenas, tanto relixiosas como profanas. Peregrinos, esmoleiros, cantantes, personaxes que configuraban boticas, tabernas, altares… Destacan especialmente as que compoñen beléns, moi valorados e que se conservan nos museos públicos e privados máis importantes do país.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes