Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O proxecto permitiu formar a máis de 6000 propietarios e 1700 escolares en prevención de incendios forestais

A delegación da Xunta en Madrid acolleu hoxe a presentación da convocatoria Life+Monte Vivo e a exposición de resultados
Madrid, 27 de decembro de 2012.-

A Asociación Sectorial Forestal Galega, e a organización profesional de selvicultores de Galicia Silvanus, presentaron esta mañá na Casa de Galicia en Madrid os resultados do Proxecto LIFE "O Monte Vivo", que viñeron executando nos anos 2011 e 2012, conxuntamente coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Trátase dun dos Proxectos LIFE Comunicación, cofinanciado polo Instrumento Financeiro LIFE+ da Unión Europea, e que tivo como principal obxectivo aumentar a sensibilización da sociedade galega, tanto rural coma urbana, fronte á problemática ambiental dos incendios forestais en Galicia. O presuposto total do proxecto para o período de 2011 e 2012 foi de 689.000 euros.

No acto interviñeron o secretario xeral de ASEFOGA (Asociación Sectorial Forestal Galega), Jacobo Feijoo Lamas e a técnica do proxecto, Verónica Rodríguez Vicente, que deron a coñecer os diferentes datos. "Galicia vén contando nas últimas décadas coa metade dos incendios forestais de toda España, así como aproximadamente a cuarta parte da superficie queimada, cando a superficie forestal galega, só supón o 8% da superficie forestal nacional. Ademais as estatísticas oficiais e os distintos estudos de causalidade dos incendios forestais, reflicten unha alta dependencia do factor humano na orixe dos lumes, unhas veces intencionados e outras veces orixinados por neglixencias, mala praxe no uso do lume, ou accidentes".
O obxectivo último do proxecto foi conseguir reducir o número de incendios forestais causados polos seres humanos, tanto intencional coma neglixentemente.

Por todo iso Asefoga, Silvanus e a Xunta de Galicia, seguindo as recomendacións de parte da UE, desenvolveron este proxecto LIFE "O Monte Vivo", que incidiu coas súas accións sobre o factor humano dos incendios forestais, buscando unha maior sensibilización da poboación galega sobre a problemática ambiental producida polos incendios forestais e os danos que ocasiona aos ecosistemas e medio. Fomentáronse as prácticas seguras no manexo de lume como instrumento de traballo no rural e as precaucións que se deben de tomar no monte nas épocas de alto risco de incendio forestal. Así mesmo traballouse para conseguir o aumento da colaboración cidadá, tanto en materia de prevención de incendios, coma de apoio aos labores de investigación das forzas de seguridade que intentan esclarecer as orixes e responsabilidades na aparición dos incendios forestais.
As actuacións consistiron en campañas de concienciación para os propietarios forestais e poboación rural que permitiu chegar a 3.058 propietarios forestais, campañas de concienciación para o público xeneral que chegou a 6.123 persoas a través de asistencias a feiras, asesorías ambientais e xornadas divulgativas, e un módulo de formación de Axentes Forestais en materias de prevención e comunicación que permitiron chegar a máis de 128 axentes.
Especial relevancia tiveron as accións levadas a cabo sobre público en idade escolar, para o que se desenvolveron accións directas en 13 centros de primaria e 8 centros de secundaria, permitindo chegar a 1.773 alumnos, primando as actuacións nos centros situados en concellos de alta incidencia dos incendios forestais, buscando a sensibilización dos escolares de hoxe que serán os xestores do monte e do medio natural do mañá.

Tanto a Consellería coma as asociacións de propietarios forestais que desenvolveron o proxecto queren resaltar a importancia destas accións de comunicación que buscan cambiar actitudes e comportamentos arraigados no medio rural e na sociedade galega, cara a unha maior comprensión do fenómeno dos incendios forestais, e unha maior colaboración na súa prevención e erradicación da realidade forestal galega, o que supoñería unha mellora ambiental de primeira orde, e permitiría liberar recursos económicos públicos, destinados á extinción de incendios forestais, cara a labores de prevención, selvicultura, ordenación e mellora do monte galego.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes