Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, promociona a súa cidade como destino turístico na Casa de Galicia en Madrid

Nun acto presidido polo presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría
Madrid, 20 de xaneiro 2016.

“Mondoñedo como cidade turística” foi o lema da presentación realizada hoxe pola alcaldesa desta cidade lucense, Elena Candia López, na sede da Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, para promocionala turísticamente e dar a coñecer a súa riqueza cultural, patrimonial, artística e de natureza. A alcaldesa estivo acompañada por delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, nun acto que presidiu o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, e ao que acudiron destacados lucenses radicados na capital como os empresarios Francisco Cal Pardo e José Cerdeira, os xornalistas Jenaro Castro e Elías Rodríguez, os deputados Joaquín García Díez e Jaime Eduardo de Olano e o ex alto cargo do Ministerio de Agricultura Francisco José Simón Vila.

Ónega declarou a súa admiración por Mondoñedo, ao que cualificou de “un símbolo, unha referencia, un amor” e lembrou algúns dos seus lugares emblemáticos e dos seus fillos ilustres. Tamén Romay enxalzou a importancia da cidade, da que dixo que lle lembraba á súa Betanzos natal, coa que comparte algunhas das súas peculiaridades: foi capital do antigo Reino de Galicia, teñen importantes centros históricos, festas locais e belezas naturais, das que destacou no caso de Mondoñedo a súa afamada Cova do Rei Cintolo así como a beleza de toda a comarca da Mariña lucense.

A alcaldesa referiuse aos atractivos turísticos que o municipio estruturou en seis produtos nos que ofrece diversas actividades aos visitantes: Arte e literatura, coa figura de Cunqueiro como faro literario e a de Pacual Veiga no ámbito da música; Historia e Arqueoloxía, que afunde as súas raíces na prehistoria e no que destaca o conxunto histórico-artístico ao redor da Catedral; Artesanía, tradición que se mantén viva no barrio de Os Muiños; Natureza, con lugares de interese paisaxístico e importantes covas, entre as que destaca a Cova do Rei Cintolo, a máis grande das visitables de Galicia e, en palabras de Candia, “unha verdadeira viaxe ao centro da terra”; o Camiño Norte, destacando que a de Mondoñedo é a última catedral desta ruta antes de chegar á de Santiago; e Gastronomía, na que destacou de entre unha ampla oferta de produtos a Torta de Mondoñedo.

Candia tamén resaltou na promoción da cidade a celebración da feira tradicional As San Lucas que se celebra, desde 1156, o 18 de outubro e puxo en valor o mercado medieval que ten lugar no centro histórico de Mondoñedo, na praza da Catedral, o segundo sábado de agosto.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes