A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolle a presentación do número 11 da revista iberorrománica Serta, de poesía e pensamento poético

Editada pola UNED e dirixida polo catedrático coruñés, poeta e ensaísta Antonio Domínguez Rey
Madrid, 16 de maio de 2018.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do número 11 da Revista Iberorrománica Serta, de poesía e pensamento poético, dirixida polo catedrático emérito de Lingüística Xeral Antonio Domínguez Rey, coruñés, poeta e ensaísta, e editada, con formato de libro, pola Universidade de Educación a Distancia desde a súa Facultade de Filoloxía e coa colaboración dos departamentos de Lingua Española e Lingüística Xeral, Literatura Española e Teoría da Literatura, Filoloxía Clásica, Filoloxía Francesa, Filoloxías Estranxeiras e as súas Lingüísticas.

Interviñeron no acto o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, o director da revista, Antonio Domínguez Rey, que expuxo o relatorio "Presencia poética dunha koiné iberorrománica. Importancia histórica para Galicia e resto de España", e o decano da Facultade de Filoloxía da UNED e catedrático de Literatura Española, Julio Neira Jiménez. Tamén o fixeron, recitando algunhas das poesías contidas na revista, os profesores da UNED: María Dolores Martos Pérez, axudante doutora de Literatura Española e secretaria de Serta, Marina Sanfilippo, contratada doutora de Filoloxía Italiana, e Josep Antoni Ysern Lagarda, titular de Filoloxía Catalá.

Ónega resaltou que a Casa acollía "con especial interese e satisfacción" a presentación que se realizaba xa que se trata de "un proxecto sobre a vixencia da romanización e horizonte das linguas iberoamericanas hoxe en día, fundamentalmente as hispanas, e dentro destas o galego e o castelán como kionés privilexiadas, con posibilidades dun futuro case inédito nos dous continentes". Sinalou así mesmo que "nesta Casa temos a satisfacción de recibir e acoller as expresións da cultura na súa máis alta significación" e apuntou que "preto de medio centenar de libros preséntanse aquí cada ano".

Neira expuxo que "a revista Serta naceu como iniciativa dun grupo de profesores da Facultade de Filoloxía da UNED, encabezados por Antonio Domínguez Rey, en 1996, co obxectivo de difundir a poesía e o pensamento nas linguas románicas, entendidas como un espazo común de cultura e creación. Agora chega ao final da súa frutífera traxectoria, coincidindo co final do seu exercicio como profesor emérito do seu director", e subliñou que "sempre contou co apoio da Facultade, que está disposta a seguir prestándoo a quen se decida a tomar a substitución nunha empresa de tanta importancia estética e científica."

Domínguez explicou que o número 11 da Revista Serta foi publicado recentemente, aínda que leve data de 2010 e que se trata dun proxecto eloxiado en diversos sectores cualificados de Europa e América pola índole das linguas que comprende, as iberorrománicas: español (castelán) –España, Hispanoamérica, incluídas partes de EEUU–, catalán, galego e portugués (Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Cabo Verde, Goa, etc), vasco ("lingua con léxico bastante latinizado"), francés (franconía), italiano, romanés. "Non existe ningunha revista semellante, que saibamos, neste contexto internacional", observou.

Segundo o seu director, "o obxectivo fundamental da revista é ofrecer a creación poética actual e ensaios sobre poética das linguas iberorrománicas na transición dos séculos XX e XXI". "Os orixinais vascos e romaneses acompáñanse con tradución, leva sempre reproducións de pintores nacionais e internacionais en cuberta, contracubierta e introdución de cada lingua"

Resalta Domínguez a importancia "da bagaxe cultural e creativa das nosas linguas hispanas no contexto europeo e americano" e defende a necesidade de "unha política lingüística nacional e internacional máis acorde con esta realidade", na que, di, Galicia pode significarse especialmente.

"Son numerosos os autores que colaboraron nela e miles de páxinas as editadas", sinalou. Entre os escritores de prestixio, nacionais e internacionais, que colaboraron nela figuran: españois (castelán): José Á. Valente, Antonio Gamoneda, Manuel Padorno, Eugenio Padorno, Jaime Siles, Andrés Sánchez Robayna, Luis Alberto de Cuenca; cataláns: Joan Margarit, Carles Miralles, Jaume Pont, Pere Rovira, Alex Susana, Carles Duarte, Ponç Pons, Marta Pessarrodona; galegos: Manuel María, Luz Pozo Garza, Ánxeles Penas, Miguel Anxo Fernán Vello, Ramiro Fonte, Xulio L. Valcárcel, Vicente Araguas, Fermín Bouza, Miro Villar; vascos: Joxe Austin Arrieta, Jon Kortazar, Felipe Juaristi, Jon Mirande, Miren Agur Meabe; portugueses: António Ramos Rosa, Haroldo de Campos, Casimiro de Brito, Nuno Judice, Eduardo Sanguineti, Andrea Zanzotto, Mario Luzi, Lucio Mariani, Philippe Jacottet, Henri Meschonnic, Bernard Vargaftig, Miguel Deguy, Ives Bonnefoy, Bernard Noël, Gérad Titus Carmel, Gellu Naum; romaneses: Justin Panta, Ioan Es Pop, Gabriela Malinescu, Darie Novaceanu, Constata Bucea, Adrian Popescu, Marin Mincu; norteamericanos: Robert Bly, Louis Bourne (poeta e tradutor hispano-americano), Derek Walcott, Premio Nobel de Literatura; polacos: Jerzy Ficowski, Bronislaw Maj, Edward Pasewicz, etc.

Entre os autores incluídos no nº 11 de Serta, hai poetas das linguas castelá, catalá, galega, vasca, portuguesa, francesa, italiana e romanesa, ademais de ensaístas e ilustradores. Ademais, en breve publicarase un anejo a este número da revista que o completará con novos poemas e un ensaio.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes