Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentada na Delegación da Xunta en Madrid "El último barco", última novela de Domingo Villar, coa asistencia de preto de duascentas persoas

O inspector Leo Caldas volve para investigar a desaparición dunha moza de Vigo, nunha historia que se desenvolve en escenarios naturais da zona
Madrid, 25 de marzo de 2019

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación da última novela de Domingo Villar, "El último barco", editada por Siruela, e coa que o autor de "La playa de los ahogados" volve, dez anos despois, co celebrado inspector Leo Caldas, que conta cunha lexión de seguidores. O acto espertou moito interés como o proba o que se achegaron á Casa preto de duascentas persoas e foi preciso habilitar a Sala B para que puidesen seguilo por circuíto interno de televisión. En "El último barco", con máis de 700 páxinas, Caldas investiga a desaparición dunha moza en Vigo, Mónica, a filla do doutor Andrade, que vive en Moaña, un tranquilo pobo alén da ría. A historia desenvólvese en escenarios naturais da zona.

Interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; a directora xeral de Siruela, Ofelia Grande; a xornalista Susana Santaolalla; e o propio autor, Domingo Villar.

Tras as palabras de benvida, Ónega citando a Argensola sinalou que "os libros gañaron máis batallas que as armas", e destacou que "El último barco é a terceira novela de Domingo Villar protagonizada polo inspector Leo Caldas. A primeira foi Ojos de agua e a segunda La playa de los ahogados, que tivo máis medio millón de lectores, foi levada ao cinema e supuxo a súa consagración no panorama internacional da novela negra". A serie foi traducida a máis de 15 idiomas e recibiu un gran número de premios.

A editora, Ofelia Grande, mostrou a súa alegría porque "a resposta tanto de lectores, como de medios como de libreiros desbordounos en interese e agarimo. A satisfacción por como marcha o libro é enorme xa que en só dúas semanas e media xa vai pola quinta edición".

Pola súa banda, Susana Santaolalla, estableceu unha entrevista/charla co autor na que foron debullando os aspectos máis destacados da nova obra. Domingo Villar, que empezou Dereito, e se licenciou en Empresariais declárase escritor de novela policiaca que "por dentro son contos de amor" á terra. "Volvo a Galicia sempre que podo; e fágoo todos os días que me sento a escribir". Aínda que vive en Madrid desde fai case tres décadas, unha vez máis, a trama desenvólvese en Galicia, na Ría de Vigo "o meu paraíso perdido". En lugares reais, como a Escola Municipal de Artes e oficios, (EMAO); en Tirán, -aldea situada entre Cangas e Moaña-, e no barco que a comunica con Vigo.

Algúns dos personaxes que poboan a novela tamén existen na realidade e neles se inspirou o escritor. Leo Caldas, sen ir máis lonxe, é o alter ego de Villar, mesma idade, mesmos gustos, gastronomía, viño, ata teñen amigos comúns e frecuentan as mesmas tascas. O mesmo ocorre con algúns secundarios, como dous dos profesores da EMAO, un lutier e un ceramista.

Era unha obra moi esperada. Pasaron dez anos porque o autor non estaba satisfeito co que escribira. En 2013 tiña un manuscrito de máis de trescentas páxinas, con portada, título e ISBN. Íase chamar Cruces de Piedra. "Tiña varias opcións. Podía corrixilo, modificalo ou empezar de novo" e optou pola última. Coincidiu co falecemento do seu pai e iso contribuíu ao atraso pero agora móstrase satisfeito e dixo agradecer o que nunca se sentiu presionado pola editorial para sacar algo que non lle convencía.

A novela acaba de saír tamén en galego (Galaxia). Villar escribe en castelán e en galego. "Case todos os diálogos escríboos en castelán e as descricións, en galego. Gústame traducir o libro aos dous idiomas segundo avanzo: ao terminar, teño unha novela en castelán e outra en galego". En relación ao carácter galego de todos os personaxes, "temos un humor, moi noso, con retranca, que non sempre se entende. Os dobres sentidos... non os pilla todo o mundo".

Na quenda de preguntas, numerosas persoas do público mostráronse interesadas e ávidas por facelas, aínda que a timidez marcou a pauta. Pero non faltou a esperada, ¿para cando a seguinte obra? Por favor, non nos fagas esperar outros dez anos!, dixeron.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes