Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Catedral de Santiago presenta o seu Plan de Mecenado na Casa de Galicia en Madrid

O Plan inclúe a posta en marcha dun Programa de Amigos, así como iniciativas de crowdfunding
22 de outubro de 2013

A Catedral de Santiago presentou na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia o seu Plan de Mecenado para dar a coñecer e obter fondos cos que afrontar as obras necesarias para a súa restauración e conservación. É o primeiro paso para lograr 1,7 millóns de euros e completar a restauración integral da fachada do Obradoiro. Na presentación interviñeron o cóengo da SAMI Catedral de Santiago e director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo Santos, o administrador xeral da Catedral de Santiago, Francisco Domínguez, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, quen actuou como anfitrión do acto.

Madrid, 22 de outubro de 2013. A Catedral de Santiago presentou na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia o seu Plan de Mecenado para dar a coñecer e obter fondos cos que afrontar as obras necesarias para a súa restauración e conservación. É o primeiro paso para lograr 1,7 millóns de euros e completar a restauración integral da fachada do Obradoiro. Na presentación interviñeron o cóengo da SAMI Catedral de Santiago e director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo Santos, o administrador xeral da Catedral de Santiago, Francisco Domínguez, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, quen actuou como anfitrión do acto.

O Plan de Mecenado está orientado a cubrir o financiamento das obras de restauración e conservación necesarios para preservar o conxunto monumental, previstas no Plan Director da Catedral de Santiago. Este Plan de Mecenado completa os obxectivos marcados para este ano dende a Fundación, encamiñados a implantar un plan de xestión eficiente. Así, a Catedral de Santiago actualizou os seus procesos de administración e control, de maneira que a súa xestión diaria se modernizou.

Iso permitiu que o segundo obxectivo, cubrir as necesidades operativas básicas e o mantemento ordinario, poida ser financiado con recursos propios, procedentes das achegas dos fieis, os alugueres de locais e os visitantes do Museo Catedral.

Plan de Mecenado

As necesidades de financiamento que supoñen as obras de restauración na Catedral é o terceiro obxectivo do Plan Director, polo cal se pon en marcha o Plan de Mecenado. O Plan Director é un documento oficial que establece a folla de ruta, cos custos e a programación das actuacións necesarias para a conservación integral da Catedral.

O Plan de Mecenado vai máis alá da simple recadación de diñeiro, de maneira que trata tamén de concienciar á sociedade sobre a necesidade de conservar un monumento da magnitude da Catedral de Santiago, facéndoa partícipe dun proxecto que, dende Galicia, traspasa fronteiras e se converte en patrimonio mundial.

Este Plan de Mecenado nace articulado sobre catro eixes. Dun lado, un Programa de Amigos, dirixido a persoas individuais, que se queren implicar no proxecto da Catedral, de maneira que, mediante unha pequena achega anual, gozan de vantaxes no Museo e nas actividades da Catedral. Xunto aos Amigos contémplanse as figuras de Colaboradores e Benfeitores da Catedral, pensadas para pequenas empresas que realicen achegas de ata 15.000 euros. Tamén se poñerá en marcha un Programa de Protectores da Catedral, no que poderán participar grandes empresas, tanto nacionais coma internacionais, coas que a Catedral formalizará un convenio de colaboración.

 Fachada do Obradoiro

En paralelo, a Fundación Catedral de Santiago vai recorrer á modalidade do "crowdfunding", ou financiamento colectivo, para proxectos de rehabilitación concretos, de forma que todo o que o desexe pode participar neles e converterse en mecenas. O primeiro destes proxectos será o da fachada do Obradoiro, que só ten asegurado unha parte do seu financiamento. O proxecto integral de restauración, que ten un custo estimado de 3,7 millóns de euros, xa conta co compromiso de financiamento de 2 millóns de euros, procedentes do Consorcio de Santiago, e mediante a modalidade de mecenado preténdense recadar os 1,7 millóns de euros restantes. Trátase dunha intervención prioritaria e necesaria para poder acometer a restauración do Pórtico da Gloria, afectado por humidade.

Todas as modalidades de mecenado poderán acollerse aos diferentes tipos de desgravación fiscal contempladas pola lei, xa que a Fundación Catedral de Santiago está acollida ao réxime especial da Lei 49/2002, de 23 decembro. Así, se o donativo o efectúa unha persoa xurídica, poderase deducir da cota íntegra do Imposto de Sociedades o 35% do seu importe e, se o realiza unha persoa física, poderase deducir da cota íntegra do Imposto da Renda o 25% do importe.

Tanto para facerse Amigo da Catedral, coma para contribuír no proxecto de restauración da fachada do Obradoiro, habilitouse unha web: www.ayudaalacatedral.es. Tamén se pode acceder dende a páxina web oficial www.catedraldesantiago.es.

 

                Catedral de Santiago. Departamento de Comunicación - prensa@catedraldesantiago.es / 664 548 408

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes