Presentado o libro bilingüe "Dnde da la vuelta el aire/Onde dá a volta ou aire" de Mila Villanueva

A obra é un poemario publicado por Lastura Edicións e que foi galardoado co Primeiro Premio do III Certame Poético Rosalía de Castro
Madrid, 12 de novembro de 2019.

O poemario bilingüe "Donde da la vuelta el aire/ Onde dá a volta ou aire" de Mila Villanueva presentouse esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia. A obra, publicada por Lastura Edicións, foi Primeiro premio do III Certame Poético Rosalía de Castro, e nel a autora viguesa rende homenaxe aos devanceiros, o fala e a terra onde se criou, lembrando a súa infancia e os personaxes que habitaron nela.

No acto interviñeron ademais da propia autora Mila Villanueva, o coordinador de Actividades da Casa de Galicia Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega; o xestor cultural e escritor Antonino Nieto; e a editora Lidia López Miguel.

Jiménez comentou nas súas palabras que o libro de Mila Villanueva publicado na colección Alcalima de Poesía conta cun prólogo do escritor José Ángel García Caballero e imaxes do ilustrador Cándido Solaz.

En canto á autora, Mila Villanueva, natural de Vigo aínda que residente en Valencia, é escritora e xestora cultural así como presidenta da Asociación Concilyarte. Explicou que "ademais da obra que hoxe presentamos, publicou outros títulos, participou en revistas e en numerosas antoloxías, mesmo coordinou algunhas, tal e como se apunta na contracuberta do libro que hoxe sae á luz".

No transcurso da presentación tanto a editora como a autora recitaron unha selección de poemas da obra, Lidia en castelán e a autora en galego.

Lidia López Miguel sinalou que para a editorial Lastura "é unha gran honra poder publicar esta obra e dala a coñecer tamén aos lectores hispanofalantes. Hai un amor común de todos pola cultura e o imaxinario galego que transcende as fronteiras da propia Galicia cara ao resto de España e Latinoamérica", asegurou. "A obra merecía ser coñecida máis aló e Mila deunos a oportunidade de facelo", destacou.

Para o escritor e presentador Antonino Nieto, como poeta que é, resumiu o seu sentir con versos: "Contra o esquecemento / contra a morte/ aquilo ao que lle sobra naturalidade: onde o aire se dá a volta: o sobrenatural en carne viva".

Pola súa banda a poeta e autora da obra Mila Villanueva quixo subliñar "a gran honra que supón o levar o legado de Rosalía polo mundo. O espírito de xustiza e ao mesmo tempo de defensa das nosas raíces e a nosa lingua está hoxe máis vixente que nunca", asegurou categórica. Non quixo deixar a ocasión se apelar á súa condición de galega, que tanto marca as súas creacións e especialmente o feito de ser emigrante. "Dicir adeus á terra é dicir adeus a parte da infancia, as raíces, os devanceiros... pero os galegos levámola sempre na alma", de aí "ese permanente desexo do regreso, de volver tocar as beiras do Atlántico brumoso que nos acompaña para sempre. E por iso somos emigrantes pero dos de retorno", rematou.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes