A concelleira de Turismo do Concello de Lugo, Carmen Basadre, presentou na Delegación da Xunta a programación das Festas de San Froilán 2018, con 280 actos para satisfacer a todos os públicos

Nesta ocasión as festas patronais de Lugo conceden especial protagonismo aos artistas locais e gran presenza ao Camiño Primitivo
Madrid, 24 de setembro de 2018.

A concelleira de Turismo, Cultura, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre, presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a programación das Festas de San Froilán 2018, festexos declarados de Interese Turístico Galego e Nacional, que se celebran do 4 ao 12 do próximo mes de outubro e nos que están previsto que se desenvolvan 280 actos, con especial protagonismo dos artistas locais e con gran presenza do Camiño Primitivo. Basadre estivo acompañada na presentación por José Ramón Ónega, delegado da Xunta e director da Casa de Galicia e polo xornalista Manuel Lombao, pregoeiro desta edición. Entre os asistentes achábanse os xornalistas lucenses Pilar Falcón e Elías Rodríguez e o escritor Antonino Nieto.

Ónega, lucense, afirmou que "o San Froilán non só é unha festa senón unha convocatoria de amigos, unha celebración festiva que une aos galegos esparexidos polo mundo" porque, mantivo, "o San Froilán resume o que é e representa Lugo: amizade, celebración, irmandade e espírito festivo", "é arte, é música, é alegría". O delegado da Xunta declarou que "de todas as manifestacións artísticas que nos regala o San Froilán eu quédome coa música porque é paixón que vibra na alma e eleva ao home a vidas mellores". "Os que somos de Lugo somos un pouco músicos, somos o pentagrama da amizade, da nostalxia e do amor", engadiu, sumando á celebración de San Froilán outros elementos representativos da cidade, como a muralla romana, o polbo, a catedral e "os tintos e brancos galegos".

Lombao agradeceu á concelleira que contasen con el como pregoeiro e sinalou que vive a festa cun punto de nostalxia, co recordo das que gozou na súa infancia e adolescencia, e con outro importante de celebración, individual e colectiva, e destacou que será a primeira vez que o pregón será transmitido en directo por internet. "Son nove días para non descansar, para estar ocupado, pero moi ben ocupado", valorou.

Tradición e modernidade

Basadre convidou a gozar da cidade durante eses días nos que Lugo vestirase de festa e adquirirá un esplendor especial procurando o distrute dos foráneos e dos visitantes a través de 280 actos programados con obxecto de satisfacer a todos os públicos. Destacou tamén a tradicional participación dos lucenses nas súas festas patronais, que se implican nelas e gozan dos espazos públicos conxugando "tradición, historia e cultura con modernidade e vanguardismo".

As festas, explicou, arrincarán o día 4 de outubro, ás 20,30 horas, co pregón, a cargo do xornalista Manuel Lombao. Despois, o programa recolle concertos de Los Pelúdez, Los Gofiones, Zenet, Andrián Vigo, Lucía Pérez, Rozalén, SonDeSeu e Herdeiros da Crus, concerto folk, pasacalles, noite sabinera, etc. Actuarán máis de 20 grupos locais, o que supón un gran protagonismo para os artistas de Lugo, pero o programa tamén ten unha ampla representación internacional, con artistas como Myles Sanko (inglés), Marky Ramone (americano) ou os grupos Fanfare Ciorcalia (romanés), Pussy Riot (ruso) -que actuará por primeira vez no escenario con Ramone- ou Nathy Peluso e Javiera Mena, latinoamericanos.

A concelleira anunciou unha novidade para o propio día de San Froilán, o día 5: un espectáculo piromusical e videomaping na Praza Maior, ás 23,30 horas e puxo o acento neste San Froilán como a de máis programación dos últimos tempos, descentralizado por todos os recunchos e barrios da cidade.

Nesta edición e tras tres anos dedicando o 11 de outubro a un dos Patrimonios Mundiais de Lugo, o Camiño Primitivo, este impúlsase aínda máis, ofrecendo conferencias e andainas previas ao comezo dos festexos. Serán os días 29 e 30 de setembro: os paseos con saída ás 10,30 horas desde a parada do bus urbano da rúa Anxo López Pérez e as charlas ás 19,00 horas no auditorio do Centro Cultural do Vello Cárcere. Xavier Gómez Vila e Adolfo de Abel Vilela serán os encargados dos relatorios, baixo os títulos de "Os itinerarios xacobeos pola cidade de Lugo" e "A presenza do Camiño na cidade de Lugo".

Ademais, lembrou Basadre, terán lugar as citas habituais: Día de Ferrol (6), Desfile de Gando, Festival de Cultura Tradicional, San Froilán Tecedeiro, feira de antigüidades, ofrenda a Rosalía -de man de Paloma Lugilde-, Domingo das mozas (7), mostra do traxe tradional galego, concerto de bandas e unha verbena "como as de antes". Por outra banda, este ano amplíanse as sesións de vermús á Rinconada do Miño.

San Froilán integrador

Co ánimo de ser un programa cada vez máis completo e integrador, o desta edición das festas tamén contempla actos para os nenos, en concreto medio centenar de actividades no patio do edificio administrativo do Concello, para os deportistas, que teñen unha vintena de citas de diversas modalidades, e para os maiores, como vén sendo habitual, unha verbena de tarde, o luns 8.

No relacionado coa tradición, as festas teñen cinco días dedicados á cultura no Camiño, no Cantiño Nemesio Cobreros, con cada día dedicado a diversos oficios tradicionais, así como a Arte San Froilán, impulsado pola Deputación, ou a presentación dun número máis da colección dos Devanceiros: "As festas finiseculares", de Adolfo de Abel Vilela.

Prolongación dos buses urbanos e aparcadoiros disuasorios

Os días 4, 6 e 11 de outubro, as liñas de autobuses 3A, 4, 6 e 7A prolongarán o seu servizo ata as 03:00 horas, e os días 5, 7 e 12, as líñas 3AE, 4E, 5E, 6E, ata as 02:00 horas. O Concello habilitará 4 zonas de estacionamento disuasorias, dous en Campos Novos, As Termas e rúa das Artes. Do mesmo xeito, haberá un servizo especial de bus que conectará estas zonas co recinto feiral.

Alsa ofrecerá descontos dun 25% para as persoas que viaxen a Lugo entre o 1 e o 15 de outubro.

Máis información destes festexos na web www.sanfroilan.info

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes