"Radio Camiño de Santiago", única que emite 24 horas e que é referente no sector, presentóuse esta mañá na Delegación da Xunta en Madrid

Aínda que a súa sede social está na Rioxa, o contido céntrase en información sobre todas as rutas xacobeas
Madrid, 11 de abril, 2019

"Radio Camiño de Santiago" é un medio creado en 2016, única marca rexistrada especializada no Camiño a nivel mundial con emisión 24 horas, que segue sumando novos seguidores e oíntes día tras día, preto de millón e medio, converténdose en referente no sector, e que esta mañá presentouse ante medios e profesionais na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia.

No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López; os cofundadores e codirectores de Radio Camiño de Santiago, Ernesto Díaz Sobremazas e Nekane Soto Guerrero; e o peregrino, xornalista e escritor, Fran Contreras Gil, colaborador habitual da emisora.

Tras as palabras de benvida, e explicar as funcións da Casa, dado que algúns dos asistentes acudían por primeira vez, Ónega comentou que na actualidade Radio Camiño de Santiago conta xa con preto de millón e medio de oíntes e emítese desde o albergue "La Casa de las sonrisas", en Grañón (A Rioxa), onde se realizan a maioría das entrevistas en vivo mentres dan acollida aos peregrinos. "Europa fíxose peregrinando a Compostela", dixo citando a Goethe.

"Gustaríanos ser a sintonía do Camiño", sinalou Nekane Soto como desexo e explicou que Radio Camiño é un novo e innovador medio de comunicación na rede, de alcance internacional, cuxos principais protagonistas son o Camiño de Santiago e os peregrinos, e é "un proxecto no que cremos desde o principio e polo que apostamos cos nosos recursos e esforzo, porque somos uns apaixonados do Camiño, a comunicación e a evolución humana, en todas as súas dimensións", polo que tamén crearon o seu propio albergue de peregrinos de donativo en Grañón (A Rioxa) onde residen e traballan durante todo o ano, "sen ningún financiamento". Subliñou que entre as súas principais actuacións, destacan "a investigación, promoción, divulgación e fomento do coñecemento e actividades de interese cultural do Camiño, con especial énfase no fomento da colaboración entre os diversos axentes públicos e privados (asociacións e/ou organismos públicos) relacionados co Camiño para a preservación dos seus valores como patrimonio cultural e relixioso a nivel mundial".

Para Ernesto, "Radio Camiño de Santiago, diríxese principalmente a peregrinos, hospitaleiros, empresas, institucións, asociacións e todo tipo de actividades vinculadas ao Camiño, aínda que nos escoita todo tipo de público interesado en achegarse á realidade do Camiño de Santiago". Actualmente, teñen seguidores en máis de 35 países dos cinco continentes e escóitana por case toda a xeografía española. Un dos seus principais valores é que non existen actualmente competidores no sector, o que a converte en "a única radio do mundo con emisión 24 h e directos, específica do Camiño de Santiago que existe, con especial impacto en Europa e Latinoamérica, aínda que nos seguen cada día máis desde Australia e moitos países do continente asiático". Entre os seus principais traballos, destacan: a emisión 24 horas en streaming, a publicación diaria de noticias na web que comparten en diversos grupos do Camiño de Santiago en Facebook, onde contan con máis seguidores, e a asistencia e cobertura en directo de eventos: feiras, cerimonias de inauguración e clausura, entrega de premios, conferencias... sempre que poidan e teña relación directa co Camiño de Santiago.

Pola súa banda, o peregrino, xornalista e escritor, colaborador habitual da emisora e autor de "La guía mágica del Camino", Fran Contreras, mostrouse encantado de participar neste proxecto que "xunta dúas das miñas grandes paixóns, o Camiño de Santiago e a radio e estou seguro de que en poucos meses coas ondas chegaremos a calquera parte do mundo, para cambiarlle a vida a moita xente" como lle ocorreu a el, "facéndome mellor persoa". "O Camiño é un museo ao aire libre, no que se falan moitas linguas pero ten unha linguaxe universal que é o idioma do corazón", asegurou, animando a quenes aínda non o fixeran, que "vivan a experiencia".

No acto falaron tamén doutros proxectos como SPACIO VITA, para desenvolvemento persoal no Camiño e CAMINUS DE SANTIAGO, para persoas con algunha minusvalía.

Máis información:

Email: direccion@radiocaminodesantiago.com

Web: www.radiocaminodesantiago.com

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes