Presentada en Madrid a "XXVI Mostra do Encaixe de Camariñas-2016", que se celebrará na vila coruñesa do 23 ao 27 de marzo

Dúas modelos desfilaron con traxes cuxos deseños incorporaban pezas de encaixes
Madrid, 24 de febreiro de 2016

A Casa de Galicia, Delegación da Xunta en Madrid, acolleu esta mañá a presentación da "XXVI Mostra do Encaixe de Camariñas-2016", co lema "Inspiración, Deseño e Encaixe. Escrito na Pel", organizada polo Concello, e que terá lugar na vila coruñesa do 23 ao 27 de marzo de 2016, na que se darán cita palilleiras de medio mundo, desfiles e pasarelas de deseñadores consagrados e noveis, así como creadores e medios nacionais e internacionais. O obxectivo da presentación en Madrid, que contou con material audiovisual, un pequeno desfile e demostracións en vivo, é promocionar  e dar a coñecer ante medios e profesionais unha das señas de identidade da comarca, elaborada de forma tradicional desde fai máis de cinco séculos. 

No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; a concelleira delegada de Servizos Sociais, Igualdade e Promoción do Encaixe do Concello de Camariñas, Sandra Ínsua Rial; o deseñador e presidente da Asociación de creadores de Moda de España, Modesto Lomba; o deseñador da firma Yono Taola, Juanjo Gómez; e o alcalde do Concello de Camariñas, Manuel V. Alonso de León, encargado tamén da clausura. Ademais, contou cun pequeno desfile con dúas modelos con traxes en cuxos deseños se utilizaron encaixes; un audiovisual que deixou patente a beleza paisaxística e os enormes atractivos da comarca; así como a demostración en vivo da palilleira Bea Dios, que ofreceu en directo unha mostra do seu traballo.

Para o delegado da Xunta José Ramón Ónega, Camariñas ten entre outras moitas excelencias "algo que namora: o encaixe, esa marabilla que resume harmonía, paciencia, enxeño, inspiración e beleza suprema".

Pola súa banda, Sandra Ínsua explicou que só en Camariñas, máis de 600 mulleres fan encaixe e na comarca superan o milleiro, pero en Semana Santa, esta pequena vila convértese na capital do mundo deste labor artesanal.

Para o deseñador Modesto Lomba, que acode a Camariñas cada ano, "o encaixe é un luxo; é a identidade do saber facer". Mentres que Juanjo Gómez comentou que coñecer os encaixes na escola de deseño de Madrid foi algo sorprendente e desde entón non renuncia a utilizalo nas súas creacións sempre que pode.

Para o alcalde Manuel V. Alonso de León, "estamos a facer historia, e estamos a facer país. Camariñas acolle o evento máis importante do encaixe do mundo e así o corroboran as centos de delegacións que pasaron e seguen facéndoo pola Mostra. Ademais das delegacións de palilleiras de toda España, acoden este ano 14 estranxeiras de lugares como Rusia, Brasil, Arxentina, Polonia...; tamén está a pasarela na súa dobre faceta, con desfiles de deseñadores consagrados e outra para que os mozos teñan a súa oportunidade". O alcalde aproveitou a ocasión para convidar a todos a coñecer "o pobo máis bonito do mundo, que lles aseguro que non lles vai a defraudar".

Camariñas é unha pequena vila mariñeira na Costa da Morte que conta con pouco máis de seis mil habitantes, pero cada Semana Santa desde fai 26 anos volta a celebrar a Mostra e achéganse máis de vinte mil.    

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes