Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O músico ourensán Emilio Rúa presentou na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia o seu sétimo disco cun recital

"Cantares" recolle poesía de autores galegos clásicos e actuais
Madrid, 21 de xuño de 2017.

O músico ourensán Emilio Rúa protagonizou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia o recital de guitarra, voz e piano "Cantares", presentación do seu sétimo disco, que leva o mesmo título. Tanto o recital como o disco teñen como referencia a poesía galega, tanto de autores do Rexudimento como Rosalía, C. Enríquez, E. Pondal, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro e Castelao como actuais como Xosé Carlos Caneiro e Manuel Rivas. Poemas emblemáticos dentro da cultura galega como "Negra sombra", "Lela", "Unha noite na era do trigo" e "María Soliña" están incluídos no disco.

O acto e o músico foron presentados polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que actuou en representación do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. Entre o público que acudiu ao concerto achábase a senadora do PP por Pontevedra Marta Lucio.

Jiménez sinalou que o recital tiña lugar na xornada en que se celebra o Día Europeo da Música e lembrou anteriores proxectos discográficos de Rúa como "Querida alegría", "Destino Sur" –"que presentamos nesta mesma sala en anos anteriores"-, "Despois de ti, a chuvia", "en colaboración co escritor Xosé Carlos Caneiro"; "Interior"; "Vida Miña" e "o primeiro, do ano 2000, a súa carta de presentación, ao que quizá por iso chamaba simplemente ´Emilio Rúa´".

Lembrou así mesmo que a súa canción "Vida miña" foi elixida polos lectores do diario "La Voz de Galicia" "como unha das dez mellores cancións galegas de todos os tempos" e que Rúa "colaborou con importantes músicos, como Budiño; Guadi Galego e Quim Farinha, de Berrogüetto; Marcos Teira, de Marful; ou Carlos Castro, Lucía Pérez, Uxía e Kepa Junquera". Tamén que en 1999 foi premiado no festival "Choiva como risa furiosa", de Verín, e despois "alcanzou outras distincións, de ámbito nacional, cantando en galego, entre as que cabe citar o premio que obtivo no certame de cantautores Cantigas de maio (Ceuta 2004) e o de Novos cantautores de Elxe en 2006". Lembrou así mesmo actuacións súas en Universimad, Festival da Luz, e na xira de Víctor Manuel 2016

Rúa fixo a presentación de este o seu último traballo cunha sinxela posta en escena de guitarra, piano e voz para un traballo de formato intimista que revitaliza a poesía clásica galega e actual. El mesmo foi presentando os temas que interpretou.

Emilio Rúa, leva tres décadas no mundo da música, no que ingresou con sete anos e con grupo familiar, "Concorde Atenea". Como no concerto de hoxe, nos seus traballos hai temas orixinais e interpretacións dos poetas galegos clásicos e actuais.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes