Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O músico tudense Samuel Diz ofreceu o recital comentado "Guitarra clásica galega" na Casa de Galicia en Madrid

No seu último traballo discográfico recupera a identidade histórica da guitarra clásica en Galicia
17 de abril de 2013

 O músico galego -de Tui- Samuel Diz ofreceu hoxe na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid o recital comentado "Guitarra clásica galega", no que interpretou unha selección de temas do seu último traballo discográfico que, co mesmo nome, foi editado polo selo Ouvirmos co apoio da Secretaría Xeral de Cultura e a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic). Este traballo é unha mostra directa do compromiso de Diz co patrimonio musical galego, para o que recupera a identidade histórica da guitarra clásica en Galicia facendo un percorrido polo pasado, presente e futuro do instrumento na cultura galega.

Madrid, 17 de abril de 2013. - O músico galego -de Tui- Samuel Diz ofreceu hoxe na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid o recital comentado "Guitarra clásica galega", no que interpretou unha selección de temas do seu último traballo discográfico que, co mesmo nome, foi editado polo selo Ouvirmos co apoio da Secretaría Xeral de Cultura e a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic). Este traballo é unha mostra directa do compromiso de Diz co patrimonio musical galego, para o que recupera a identidade histórica da guitarra clásica en Galicia facendo un percorrido polo pasado, presente e futuro do instrumento na cultura galega.

 

Presentou ao músico o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen destacou que Diz realizou a estrea absoluta da "Pastoral" de Jesús Bal y Gay, obra dedicada a Regino Sanz de la Maza e recuperada polo musicólogo Leopoldo Neri. Tamén que colaborou na recuperación de "Violetas", valses para dúas guitarras de José Fernández Vide, coeditada por "Dous Acordes" e Agadic, e que a súa investigación sobre a figura e gravacións históricas de Juan Antonio Torres (Premio Nacional de Música, 1973) foi editada recentemente pola Casa da Provincia de Sevilla no disco recompilatorio "Sons dunha Xuventude".

As pezas recompiladas no novo disco de Diz lévannos dende a década dos anos trinta no exilio cubano ata o século XXI coa nova xeración de compositores galegos. Diz comparte unha visión da guitarra non só a partir dos compositores e intérpretes galegos senón tamén a través da pegada "que a nosa paisaxe gravou na retina doutros creadores non ´ autóctonos ´ ".

As seleccionadas para o recital foron agrupáronse en tres partes. Nunha primeira interpretou "Berce para Samuel", de Paco Barreiro, "Preludio número 3", de José Chás, e "Sarita" (mazurca) de Tino Prados, todas elas rescatadas da revista "Guitarra-Vihuela-Laude". A segunda parte tivo como protagonista a Jesús Bal y Gay, compositor do que Diz está a ser o único intérprete, e a compuxeron as pezas "Homenaxe a Debussy" de Manuel Falla, de influencia en Bal y Gay; "Española", de Rosa García Ascot, a súa muller e única alumna de Falla; "Pastoral", de Jesús Bal y Gay; "Nocturnal" de Fernando Buide, dedicado a Bal y Gay e único encargo directo para este proxecto, e "Cinco cancións populares", de Federico García Lorca, pola relación de amizade que o poeta mantivo con Bal y Gay e a súa muller. A terceira dedicouna á "Suite Compostelá" (Preludio, Coral, Recitativo, Cánción e Muñeira), de Frederic Mompou, composta en honor de Compostela, onde foi profesor de música. Diz foi dando estas e outras explicacións sobre o repertorio ao público que seguiu a súa actuación.

O guitarrita e musicólogo Leopoldo Neri destaca o labor de Samuel Diz na recuperacion dun patrimonio esquecido ou descoñecido na tradición guitarrista galega. Segundo Neri, "este crisol caleidoscópico de pezas para guitarra, tan esplendidamente interpretadas polo tudense, desvélanos un íntimo e sensual espazo da historia musical galega e, á vez, o vigor compositivo dos nosos días".

Samuel Diz Sierpes (Tui, 1986) graduouse en 2009 no Conservatorio Superior de Música "Manuel Castillo" de Sevilla e completou a súa formación ao lado de grandes mestres como Alen Garagic, Daekun Jang e José Luis Rodrigo. Galardoado coa Insignia de Ouro de "Temas Sevillanos" e o Premio "Andrés Segovia-Ruiz Morales", completou a súa formación na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e na actualidade é director do festival "Música no Claustro", de Tui.

Actuou en diversos países, destacando a súa presentación na Universidade de Yale (EUA) e no Festival Internacional de artes de Harare-HIFA (Zimbabwe), unha das citas culturais de maior relevancia do continente africano.

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes