Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Os poetas coruñeses David Rey Fernández e Vicente Araguas ofreceron un recital poético na Casa de Galicia en Madrid

Ambos os dous recitaron, en galego e en castelán, unha selección das súas creacións
Madrid, 21 de maio de 2014.

Os poetas coruñeses David Rey Fernández (Ferrol, A Coruña) e Vicente Araguas (Xuvia, Neda, A Coruña) protagonizaron hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia un singular recital poético no que se manifestaron dúas xeracións e dúas maneiras ben distintas de ver a poesía, elemento de unión dos dous protagonistas. Ambos os dous recitaron, en galego e en castelán, respectivamente, unha selección das súas creacións.

Os poetas, que fixeron referencias ás súas respectivas traxectorias e obras, foron presentados polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen sinalou que Araguas é un veterano, cun longo percorrido na literatura, non só como poeta senón tamén como crítico, narrador e tradutor e columnista en varios diarios. Ademais, recordou que Araguas coordinou nesta Casa un ciclo de poesías que titulou "Estacións poéticas", "polo que pasaron un bo número de poetas de calidade seleccionados por el". De Rey resaltou que gañou en 2009 o Premio de Poesía Nova "Antonio Carvajal" con "Las alas de una alondra madrugando", "un poemario que sorprendeu ao xurado pola súa madureza nun autor novo que ata ese momento non publicara ningún libro".

Araguas apostou decididamente por David Rey, ao que dixo que descubriu a través do poemario "Las alas de una alondra madrugando", que lle recomendou un libreiro cando era éxito de vendas. "Quedei namorado do libro", confesou, apuntando que o seu autor leva unha vida fóra dos circuítos literarios, a pesar da forza destes na cidade na que vive, Ferrol. Pola súa banda, Rey apreciou que a poesía de Araguas non é poesía amorosa senón poesía namorada, con mirada non distante senón dende a distancia.

Abriu o recital Araguas, cun poema introdutorio, "A noite en Neda", e a continuación David Rey recitou cinco dos seus poemas, aos que seguiron outros dez de Araguas, na súa propia voz, e cinco máis de Rey. Algúns deles están incluídos en "Cando fóramos nevar", de Vicente Araguas e "Las alas de una alondra madrugando", de David Rey, pero tamén houbo poemas inéditos e algúns dunha serie que Rey ten dedicada a Galicia.

Entre os asistentes ao acto estivo o anterior director da Casa de Galicia, o xornalista e escritor Alfonso S. Palomares, e a profesora de galego Carme Lamela, a quen Araguas homenaxeou cun poema.

A poesía de Vicente Araguas caracterízase pola sinxeleza aparente, conta cousas cotiás, pero de modo que, en ocasións, a anécdota se converte en categoría e ofrece profundidade, tenrura, nostalxia, amor, erotismo... temáticas eternas na poesía cun excelente manexo da linguaxe e a ironía. Vicente Araguas é un dos fundadores do grupo Voces Ceibes (1968), deu recitais como cantautor e gravado varios discos. Profesor na Comunidade de Madrid, compaxina o seu labor docente e literario coa crítica en revistas como "Leer" ou "Revista de Libros" e os seus artigos de opinión en diarios galegos. Ten o Premio Reimóndez Portela de Xornalismo, entre outras distincións.

A poesía do coñecemento estivo representada, neste caso en castelán, polo avogado ferrolano David Rey Fernández, que foi o gañador, por unanimidade, do XII Premio de Poesía "Antonio Carvajal" (2009) polo poemario "Las alas de una alondra madrugando", libro que estivo durante trinta e oito semanas nas lista dos máis vendidos. A súa voz poética, propia e singular, sitúase á marxe de todas as escolas e tendencias dominantes na poesía española contemporánea e recibiu a atención da crítica internacional. É poeta do amor e do desamor, da vida e da morte, da tristura e da alegría. A súa poesía, radical e sonora, entronca coa tradición clásica e, ao mesmo tempo, énchese de imaxes simbolistas e surrealistas. Destaca a destreza dos seus recursos líricos e a hondura e penetración do seu pensamento.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes