Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"Mulleres na Terra", recital de poesía galega na Casa de Galicia en Madrid en conmemoración do Día Internacional da Muller

Recitaron as poetas galegas residentes en Madrid Ana Cibeira, Yolanda López e Luz Pichel
Madrid, 12 de marzo de 2014

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu hoxe o recital poético "Mulleres na terra. Celebración do Día Internacional da Muller Traballadora" no que recitaron as poetas galegas residentes en Madrid Ana Cibeira, Yolanda López e Luz Pichel e alumnos das clases de Galego no Espazo das Linguas Ibéricas que se imparten nas súas instalacións, no que constituíu unha especial celebración do Día da Muller.

Ademais das rapsodas, no acto interviñeron o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez; a profesora de Galego Carme Lamela, que propuxo o acto e o conduciu, as alumnas de Galego Anduriña García Ávila, que recitou a Xoana de Arco de Eduardo Galeano, Julia Badino Baamonde, que falou sobre "Por que o Día da Muller?", e Carmen Marcos Núñez, Noelia Peña Moreno e Beatriz Doldán Varela, que leron textos propios relacionados coa conmemoración, e Loli Fernández Yáñez, que presentou ás poetas protagonistas.

Jiménez recordou que a celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, ten o súa orixe na proposta que fixo en 1910 a política comunista alemá Clara Zetkin, de honrar un grupo de traballadoras estadounidenses que o 8 de marzo de 1857 ocuparon unha fábrica téxtil en Nova York para esixir igualdade salarial e xornada laboral de dez horas. Como resposta, os propietarios da fábrica provocaron un incendio que acabou coa vida de vinte e nove delas.

Tamén Julia Badino recordou esa data e referiuse así mesmo á situación actual sinalando que hai empresas que non contratan mulleres para evitar períodos de embarazo e que en moitos casos as mulleres non cobran o mesmo salario que os homes por igual traballo.

Ana Cibeira, Yolanda López e Luz Pichel recitaron algúns dos seus poemas con temática relacionada coa muller e escritos en galego; algúns deles creados para a ocasión.

Ana Cibeira naceu en Caracas, criouse en Compostela e vive en Madrid. É autora dos poemarios "Pintalabios" e "A morta" e participou nos libros colectivos "Letras novas", "Transgeneración 1.0", "Sétimo andar", "Poesía alén e pegadas", "Marés nos pousos do café" e "Madrid foi unha praia de baleas entre néboas", do Grupo Bilbao de poetas galegos en Madrid.

Yolanda López naceu en Ourense. É licenciada en Filoloxía inglesa, técnico en turismo, tradutora, pintora e funcionaria de carreira do Ministerio de Xustiza. Investigadora en universidades galegas e estranxeiras, galardoada con premios literarios en Galicia e Madrid, é autora dos libros de poesía "Verdugos impolutos", "Obertura sen heroe", "Grietas (Fendas)" e "Moralla".

Luz Pichel naceu en Lalín, Pontevedra. É licenciada en Filoloxía hispánica e profesora de ensino media en Alcobendas, onde reside, aínda que sempre aproveitou o contacto coa súa aldea. É autora dos poemarios "El pájaro mudo" (Premio Cidade de Santa Cruz da Palma, 1991), "La marca de los potros" (XXIV Premio Hispanoamericano de Poesía Juan Ramón Jiménez, 2004), "El pájaro mudo y otros poemas" e "Casa pechada" (XXVI Premio Esquío de Poesía en Lingua Galega, 2006).

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes