Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa acolleu esta tarde a reunión do grupo de investigación oncolóxica do IDIS con expertos en cancro de diferentes partes de España

Un total de trece expertos analizaron esta tarde o proxecto PREDICTC elaborado no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago
Madrid, 30 de maio de 2016

Un grupo de Investigación oncolóxica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), liderado polos doutores  Rafael López e Miguel Abal, presentou esta tarde o proxecto PREDICTC ante expertos en cancro de diferentes partes de España para analizar os resultados obtidos ata agora,  a viabilidade clínica e posibles variacións.

O proxecto, (biopsia líquida para avaliar a resposta a terapia e evolución en enfermos oncolóxicos) atópase no momento xusto de investigación que permite a incorporación de suxestións e achegas doutros expertos en base á ampla experiencia de cada un deles. Isto determina a súa viabilidade e posible comercialización.

"É unha tecnoloxía que foi moi ben recibida polos expertos e as súas achegas axudan sen dúbida a facilitar o campo para que chegue o paciente", dixo o Dr. Miguel Abal ao finalizar o encontro. "Con esta tecnoloxía, o paciente oncolóxico reduce a súa incerteza e ademais vaille permitir o que poida acceder a unha terapia que pode ser máis eficiente". En relación aos prazos de aplicación nos hospitais, Abal quere ser cauto para non crear falsas espectativas, pero segundo algúns dos expertos que acudiron á reunión na Casa, afirmaron que "entre dous e tres anos está dentro do probable", engadindo tamén, que "Galicia é líder en investigación de biopsia líquida".

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) é un centro de investigación traslacional, de innovación e transferencia de coñecemento que favorece as sinerxias entre a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela, ás que están vinculados máis de 60 grupos e preto de 700 investigadores.

Naceu en 2008 para poñer en valor o coñecemento aplicado e converteu a Galicia en referente internacional no campo da biomedicina. É un dos 22 centros de investigación sanitaria acreditados en toda España polo Instituto de Saúde Carlos III e o único en Galicia con este recoñecemento.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes