Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa de Galicia acolle a reunión da Comisión de Patrimonio e Cidade do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade

O delegado da Xunta, José Ramón Ónega, dió a benvida aos membros da Comisión, presidida polo alcalde de Ávila, Miguel Ángel Nieto
Madrid, 30 de setembro de 2014.

Esta mañá celebrouse na sede da Casa de Galicia en Madrid a reunión da Comisión de Patrimonio e Cidade do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, a cuxos membros deu a benvida o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega. A reunión estivo presidida por Miguel Ángel Nieto, alcalde de Ávila e presidente desta Comisión.

 

Valorando a historia e patrimonio que atesouran estas cidades e a importancia da súa proxección no futuro, Ónega citou a afirmación de Bruke de que "as xentes que nunca se preocupan dos seus antepasados xamais mirarán cara á posteridade".

Nieto recordou que se reuniron recentemente en Santiago de Compostela e contaron co presidente de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, como anfitrión. Tamén que non é a primeira vez que se reúnen na Casa de Galicia e apreciou que o Grupo ten unha compañeiro de viaxe de excepción, Santiago de Compostela, unha das seis primeiras cidades fundadoras.

Ademais de coa do presidente, a reunión contou coa asistencia dos dous coordinadores da Comisión: Carmen Crespo, concelleira de Patrimonio do Concello de Tarragona, e Beatriz Jiménez, concelleira de Patrimonio do Concello de Ávila, e en representación dos seus concellos, da presenza dos concelleiros de Alcalá de Henares, Jesús Domínguez; Baeza, Dolores Marín; Cáceres, María Eugenia García; de Córdoba, Rafael Jaén; de Cuenca, Nieves Mohorte; de Eivissa, Catalina Sansano; de Mérida, Ángel Pelayo Gordillo; de San Cristóbal de la Laguna, Julia Dorta; de Segovia, Claudia de Santos; de Toledo, Ana Isabel Fernández; e de Úbeda, Virginia Ruiz.

Na primeira parte da reunión fíxose balance dos programas da Comisión nas súas distintas áreas executados ao longo de 2014: Xornadas Formativas sobre "Turismo e Accesibilidade e atención a persoas con Minusvalidez", Libro Branco "Os plans de mobilidade nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España", o Congreso "Xestión de emerxencias no Patrimonio Histórico" celebrado en Ávila, un curso especializado en Córdoba sobre Apuntalamento de edificios históricos ante emerxencias, o Seminario Internacional "Cidades Históricas e Paisaxe Cultural e Urbano" celebrado en Cuenca, as Xornadas co título "A casuística dos Plans de Xestión do Patrimonio Mundial nas cidades do Grupo" que tiveron lugar en Ávila e a redacción do "Libro Branco do Patrimonio Arqueolóxico e Histórico das cidades do Grupo", como máis destacados proxectos.

Na segunda parte da reunión da Comisión concretáronse as novas liñas de traballo do último trimestre de 2014 e primeiro semestre de 2015, que xirarán en torno á pedagoxía e o patrimonio, cun proxecto pedagóxico e divulgativo, a seguridade en grandes eventos culturais nos espazos históricos, a organización de novos cursos formativos para os corpos de extinción de incendios e emerxencias, diversas, actuacións baseadas no concepto de Smart City-Smart Heritage nos que o Patrimonio Histórico sexa a base para xerar innovación e riqueza co apoio das novas tecnoloxías, dentro do marco global de "cidade intelixente" e, por último, a redacción dunha guía arqueolóxica dixital das 15 cidades.

Os proxectos desenvolvido pola Comisión de Patrimonio do Grupo contan co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da Secretaría de Estado de Cultura e a súa Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico que para 2014 dotou unha subvención de 240.000 euros para os novos programas.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de xeito conxunto na defensa e a promoción do patrimonio cultural das 15 cidades que o compoñen, cuxos cascos históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes