A Delegación da Xunta acolleu esta mañá a presentación en Madrid do informe "A Xestión do risco en Galicia: cambio de rumbo" por Fundación Inade

O 80% das empresas galegas non coñece os seus riscos
Madrid, 31 de xaneiro de 2018

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a rolda de prensa/presentación a medios xerais e especializados do ámbito das finanzas o seguro e a xerencia de riscos do informe "A Xestión do risco en Galicia: cambio de rumbo" por Fundación Inade, o primeiro estudo empírico realizado en España sobre a xerencia de riscos e o seguro no tecido produtivo dunha comunidade autónoma, que ademais foi galardoado en 2017 co Premio de Economía Valentín Paz Andrade. "O 80% da empresas galegas non coñece os seus riscos", é un dos datos que recolle o informe e que se deu a coñecer no acto informativo.

Interviñeron o director de Fundación Inade, Adolfo Campos Carballo, o director da "Cátedra Fundación Inade-UDC: A xestión do risco e do seguro", Fernando Peña López, acompañados polo responsable de proxectos, Modesto González Rodríguez, quen minutos antes do almorzo de traballo foron recibidos polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López. Tras unhas cordiais palabras de benvida, Ónega agradeceulles a súa presenza e instou a utilizar as nosas instalacións sempre que as precisen. "Eu recibín varios encargos do presidente da Xunta cando confiou en min para desempeñar este cargo, e entre elas estaba o que apoiemos todo o posible, -ademais do ámbito cultural que se fixo sempre-, o empresarial e o docente. É por iso que nesta Delegación da Xunta en Madrid, ides ter todas as facilidades, dentro das nosas posibilidades, está claro, para que desenvolvades e difundades os vosos proxectos". Pola súa banda, Campos Carballo agradeceu sinceramente a oferta, "que sen dúbida imos aceptar encantados" e fíxolle entrega das publicacións de Fundación INADE, que desde agora forman parte dos fondos da biblioteca da Casa de Galicia.

O informe presentado mostra unha "radiografía" da situación da xerencia de riscos entre o empresariado galego, pero tamén ofrece unha serie de iniciativas e propostas para que mellore. "Se o 80% da poboación española estivese enferma e os seus cidadáns non o soubesen, quizais se dispararían as políticas preventivas que pon en marcha o goberno. Así se atopa o tecido produtivo galego e as Administracións Públicas aínda non implantan políticas para corrixir esta situación, nin sequera no propio seo das devanditas administracións". Con estas palabras definía Adolfo Campos, director de Fundación Inade, o estado da xerencia de riscos en Galicia, "no ano en que ese século XXI adquire a súa maioría de idade".

Na quenda da palabra, o director da "Cátedra Fundación Inade ? UDC: A xestión do risco e o seguro", Fernando Peña aseguraba, "Creo que a Cátedra é unha boa proba de que a universidade pode ser un factor importante na mellora da calidade da xestión empresarial no noso país".

Entre os principais asuntos tratados, destacouse que Fundación Inade, ademais de fortalecer as accións que realizou nos últimos anos nesta materia, poñerá en marcha diferentes programas formativos co fin de incrementar o nivel de coñecemento da xestión do risco entre os funcionarios das diferentes Administracións Públicas situadas en Galicia e encargará á Universidade de Santiago de Compostela (USC) a realización dun estudo de investigación para coñecer a repercusión que os riscos tiveron no noso tecido produtivo nos últimos anos do século XX e comezos do XXI.

Fundación Inade é unha organización sen ánimo de lucro, clasificada "de interese para o fomento da economía de Galicia", que transmite coñecemento en materia de xestión do risco e o seguro. Está inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego que tutela a Xunta de Galicia coa clave 2009/9 e exerce o seu protectorado a Consellería de Facenda.

Máis información en https://fundacioninade.org/

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes