Xosé Antón Álvarez Salgado na Casa: "Ou nos poñemos todos ao choio, ou vanse cumprir os peores agoiros"

No acto, que estivo presidido polo presidente do Consello de Estado, o investigador vigués analizou o efecto do cambio climático na pesca e a acuicultura, no segundo relatorio do ciclo Galicia á vangarda da investigación mariña
Madrid, 15 de febreiro de 2016

 

"Os problemas globais precisan solucións globais. É unha frase que se di moito, pero é así", dixo na Casa Xosé Antón Álvarez Salgado, Investigador Científico do CSIC no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo. "O cambio climático aféctanos a todos e iso implica que todos temos que poñernos ao choio xa" e analizou con datos os efectos que xa sofren as rías e as costas galegas, na súa conferencia A investigación oceanográfica en apoio da pesca e a acuicultura. Efectos do cambio climático, segunda do ciclo Galicia á vangarda da investigación mariña, organizado pola Casa para divulgar a excelencia e a transcendencia da actividade investigadora como xeradora de innovación e actividade económica e como foco de atracción e irradiación internacional na formación de investigadores.

A presentación do acto, que estivo presidido por José Manuel Romay Beccaría, presidente do Consello de Estado, correu a cargo do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega e nel interveu, tamén o director e coordinador do ciclo, o Dr. Antonio Villalba García, Investigador do Centro de Investigacións Mariñas da Xunta  de Galicia en Vilanova de Arousa.

Para Ónega, este ciclo é unha oportunidade para dar a coñecer as investigacións máis vangardistas que se están realizando en Galicia, "cuxa esencia é o mar, a súa razón e riqueza" e citando a Tagore sinalou que "a terra é insultada e ofrece as súas flores como resposta".

Pola súa banda, Villalba destacou que Galicia constituíuse en "foco de atracción para centos de mozos" que se están formando e especializando nestas disciplinas e apuntou a sólida e ampla experiencia do orador, X. Antón A. Salgado, doutor en Química pola Universidade de Santiago con especialidade en Oceanografía Química. Foi investigador contratado no Plymouth Marine Laboratory do Reino Unido e profesor de cursos de posgrao, master e doutoramento das Universidades de Vigo, As Palmas e Menéndez Pelayo. Desde 2006 traballa no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo.

Para Xosé Antón Álvarez Salgado, "os datos son conluyentes. Non son discutibles" e así os mostrou. Desde mediados do século XX, os ecosistemas mariños de Galicia sufriron importantes cambios. A temperatura superficial da auga aumentou 0,6º C; o nivel medio do mar subiu 17 cm. "o que equivale a que hai praias nas que perdemos 17 metros e algunhas desapareceron". A intensidade e frecuencia das nortadas, ventos do norte de primavera e verán que introducen na rías os nutrientes, reducíronse nun 50%, o que significa que a vida acuática ten a metade de comida e por tanto é a metade de produtiva. Agora os ventos do sur son máis frecuentes e con eles entran e proliferan novos organismos que antes eran exóticos.

Todos estes impactos afectan o tempo de renovación das rías, a viabilidade das infraestruturas portuarias, á produtividade pesqueira e marisqueira de Galicia, tanto presente como futura.

Ante esta situación só hai dúas opcións: mitigar os efectos, de forma global; ou adaptarse ás novas situacións que é necesario estudar e prognosticar. Nestas circunstancias é necesario combinar ambas. Neste sentido sinalou por exemplo a actuación da Xunta de Galicia que regula para as novas casas a obrigatoriedade de paneis solares para a auga quente, unha medida respectuosa co medio ambiente e que permite un importante aforro enerxético.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes