Javier Leralta: "Hai outras maneira de facer o Camiño, levantando a cabeza e mirando aos ollos ás cidades e os pobos"

O xornalista, escritor e peregrino foi o encargado da segunda conferencia do "Seminario Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos" que a Casa de Galicia en Madrid acolle esta semana
Madrid, 22 de novembro de 2016

O xornalista, peregrino e escritor especializado en temas madrileños, viaxes e historia medieval, Javier Leralta García, foi o encargado de pronunciar a segunda conferencia co título "O Patrimonio histórico e arquitectónico do Camiño urbano de Madrid. Unha mirada diferente ás igrexas, palacios, prazas fontes e casas da capital", dentro do Ciclo de conferencias "Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos" organizado en colaboración coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid que preside José Antonio Ortiz.

Ortiz, encargado da presentación do relator, lembrou que Javier Leralta é Master en NN Tecnoloxías da Información; funcionario do Concello de Madrid e colaborador en diferentes medios (radio, prensa, revistas) sobre temas madrileños e viaxes. Tamén profesor de radio e de universidade, comisario de exposicións e conferenciante.  Ademais de guía de turismo é autor de 22 libros relacionados coa historia de Madrid, as viaxes e a historia medieval, entre eles Las peregrinas cosas del Camiño de Santiago.

O acto non foi un relatorio ao uso, xa que Leralta substituíuna por "un paseo virtual a través Google Maps e Street View utilizando as ferramentas que permiten visualizar o Camiño de Madrid", en dous e tres dimensións, deténdose e mostrando os edificios, prazas, fachadas, palacios, igrexas e mosteiros dos 2 primeiros km do Camiño de Madrid, entre as prazas de Santiago e Quevedo, onde se concentra o principal patrimonio histórico e monumental do percorrido. De cada un falou brevemente da súa historia, curiosidades e elementos de valor. A Praza de Santiago, o Mosteiro das Comendadoras ou a praza de Ramais son algúns dos lugares nos que se detivo.

"Hai outras maneiras de facer o Camiño: con outra mirada, levantando a cabeza, mirando ás cidades e pobos aos ollos, deterse nos elementos que configuran a paisaxe, de gozar do Camiño exterior, da súa arquitectura, do urbanismo, das súas historias", dixo Leralta. É a mesma forma que reivindica no seu último libro La trastienda de Madrid e que así mostrou aos asistentes á Casa de Galicia que nin pestañearon durante toda a charla, e que foi seguida dun animado coloquio.

O "Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos" celébrase durante toda a semana. Mañá mércores 23, o enxeñeiro e cartógrafo, xefe de Cartografía Temática do Instituto Xeográfico Nacional Manuel Carbajo pronunciará o relatorio co título "Cartografía dixital do Camiño de Santiago publicada polo Instituto Xeográfico Nacional". O xoves 24, a subdirectora xeral de Cooperación Cultural coas CC. AA. do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Begoña Cerro Prada falará sobre, "O valor excepcional do Camiño de Santiago e o seu recoñecemento".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes