Syntagma.org celebra na Delegación da Xunta o seu décimo quinto aniversario cun acto académico

Comprendeu unha conferencia do expresidente do Senado Juan José Laborda
Madrid, 29 de xaneiro de 2020.

O centro de estudos estratéxicos Syntagma.org celebrou hoxe na Delegación da Xunta/Casa de Galicia en Madrid o seu décimo quinto aniversario cun acto académico que contou cunha conferencia maxistral do expresidente do Senado Juan José Laborda e as intervencións do cofundador da entidade e catedrático e director do departamento de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña (UDC), Jaime Rodríguez-Arana Muñoz, do letrado das Cortes e cofundador da entidade Pablo García Mexía e do profesor de Dereito Administrativo da UDC José Ignacio Herce. Foron recibidos na Delegación polo coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, en representación do delegado, José Ramón Ónega.

Herce, que moderou o acto, presentou os proxectos que se propón Syntagma para a súa nova etapa, como a apertura a novos proxectos académicos e a estudos prospectivos, e resaltou a relevancia de facer achegas á sociedade con estudos en materia de boa administración dos poderes públicos e tecnoloxías dixitais.

Laborda referiuse na súa conferencia á universidade como institución creada polo xenio europeo e defendeu que as súas achegas intelectuais, "desde a ciencia moderna ata o pensamento liberal e democrático, deberíannos convencer aos europeos de que podemos gobernar a actual globalización" pois, mantivo, eses son os elementos básicos da globalización. Tamén fixo un chamamento aos mozos e universitarios para que actúen na sociedade civil, "neste momento de bloqueo do cosmopolitismo ou internacionalismo".

"Europa entrou na actual globalización en 1975, coa Acta Unica de Helsinqui, que se podería denominar ´globalización limitada´, pois entón existían dous sistemas políticos globais. A seguinte fase empezou en 1989, coa caída do sistema soviético, e dura ata 2008, coa gran crise económica. Poderíase denominar ´globalización sen política´, pois se creu que só o capitalismo traería a democracia. Desde 2008 vivimos a ´globalización detida´, debido a que se está dando un regreso á autarquía intelectual e a unha especie de mercantilismo proteccionista nas relacións económicas internacionais", expuxo Laborda. 

García Mexía explicou que Syntagma.org é "unha entidade con corpo de sociedade, pero alma de ´think tank´ e de empresa de utilidade social" a cuxos membros lles anima "unha visión libre, visión por tratar de mirar os asuntos que resolvemos con altura de miras, libre porque cremos na liberdade como supremo valor das persoas", e tamén "o compromiso coas necesidades das organizacións e das persoas, moi especialmente os máis novos, a quen sirvo a través da formación, a educación e a investigación".

Rodríguez-Arana pechou o acto cunha intervención na que mantivo que "no marco da globalización é esencial ter claros os principios da boa administración dos poderes públicos e os dereitos fundamentais así como dilucidar a realidade social e xurídica actual á luz das tecnoloxías dixitais, que han de mirar sempre a promover e promocionar á dignidade da persoa". Sinalou así mesmo que "desde os valores de Syntagma, que se resumen en visión libre para o compromiso, pretendemos achegar á sociedade desde a visión de ser unha entidade de interese xeral con alma de ´think tank´".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes