Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Paulino Martínez Portela: "A Xenética aplicada á acuicultura xa está mellorando a producción"

O catedrático da USC afirmou na Casa de Galicia, que especies como rodaballo, robaliza, mexillón... xa o están experimentando, no terceiro relatorio do ciclo "Galicia á vangarda da investigación mariña"
Madrid, 7 de marzo de 2016.

"Os estudos xenéticos aplicados á acuicultura en España xa serviron para desenvolver recursos e ferramentas esenciais para a mellora da produción en rodaballo, robaliza, linguado, dourada, mexillón, ostra plana e ameixa", dixo Paulino  Martínez Portela,  catedrático de Xenética da Universidade de Santiago, na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, na conferencia "Mellora xenética en Acuicultura", terceira do ciclo "Galicia á vangarda da investigación mariña", organizado pola Casa de Galicia en Madrid, para divulgar a excelencia e a transcendencia da actividade investigadora como xeradora de innovación e actividade económica e como foco de atracción e irradiación internacional na formación de investigadores.

No acto interviñeron ademais do relator, a coordinadora de Actividades Económicas, Ana Rodríguez Barrena, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega; e o director do ciclo, Dr. Antonio Villalba García do Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia en Vilanova de Arousa.

Villalba resaltou os datos máis destacados da traxectoria profesional do conferenciante. Paulino  Martínez Portela é doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago; catedrático na Facultade de Veterinaria, no Campus de Lugo e lidera un equipo de investigadores que traballan na mellora xenética e a conservación de especies ameazadas. Ten o mérito engadido de ser pioneiro na aplicación da xenética á acuicultura en España, inicialmente para peixes e máis recentemente incorporando tamén moluscos e crustáceos. Recibiu o X Premio JACUMAR de Investigación en Acuicultura pola investigación "Determinación do sexo en rodaballo e a súa aplicación industrial", cun método que patentou. No ano 2015 foi o responsable da organización do Congreso Mundial de Xenética en Acuicultura celebrado en Santiago.

Pola súa banda, o profesor Martínez Portela fixo un pequeno repaso polos avances experimentados na materia. Os primeiros programas de selección xenética en acuicultura en España comezaron co rodaballo nos anos 90 e centráronse no incremento da taxa de crecemento (en torno ao 15% por xeración). O factor crave foi o desenvolvemento dunha ferramenta molecular que permite reconstruír a xenealoxía familiar e que logo se aplicou ás principais especies cultivadas en España, como a dourada, a robaliza e o mexillón. Isto permitiu valorar a selección para baixar a cantidade de toxina no caso do mexillón (principal problema do sector), ou a existencia de anomalías morfolóxicas nas douradas.

"A Xenómica posibilitou unha selección máis eficiente para o crecemento, resposta a enfermidades ou control do sexo", explicou, e "a Xenética permitiu unha mellora sostida das especies tradicionais domésticas e a súa aplicación en acuicultura está a propiciar niveis de resposta superiores".

Engadiu ademais que "a acuicultura entrou nunha nova era tecnolóxica e agora ofrece enormes oportunidades para a mellora dos seus produtos en función das demandas do consumidor, aínda que para iso requirirá a colaboración de industria, administración e centros de investigación".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes