La Casa acolle hoxe a xornada informativa "Túnel do viño da D.O. Monterrei" con presentación e cata de máis de 50 etiquetas

No acto, dirixido a medios e profesionais do sector, e con máis de 250 confirmacións, móstrase o viño da última colleita de 18 adegas da comarca
Madrid, 8 de setembro de 2016

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolle durante o día de hoxe a xornada informativa denominada "Túnel do viño D.O. Monterrei", para dar a coñecer e difundir, entre medios e profesionais do sector, máis de medio centenar de etiquetas correspondentes a 18 adegas da zona. No acto de presentación, que se realizou ao mediodía, interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; o enólogo e organizador Luís Paadín; a vicepresidenta da Federación Internacional de xornalistas e escritores de viño, Isabel Mijares; e a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe, Asunción Rodríguez Zarraquiños.

Para Ónega, tras as palabras de benvida e reencontro, dado que é o segundo ano que a D.O. de Monterrei elixe a Casa para a súa difusión, evocou "o entrañable que me resulta este acto, pois como xa contei noutras ocasións, procedo dunha familia de vinateiros, e é inevitable que me sinta transportado a tempos pretéritos e profundamente felices. Pero estamos no presente e nun momento no que os viños galegos viven un gran recoñecemento. E xornadas como esta, contribúen sen dúbida a que se coñezan. É preciso que te coñezan para que te valoren, di un vello proverbio".

Luís Paadín, autor da "Guía de Vinos, Bodegas y Destilados de Galicia", lembrou que a viticultora entrou en Galicia pola comarca de Monterrei, por onde chegaron os romanos hai máis de 2000 anos e conta cunha característica moi especial que é "a súa diversidade", debido a que está formada por diferentes tipos de chans, altitudes e variedades de uvas. "A D.O. de Monterrei é a máis continental das atlánticas e a máis atlántica das continentais", dixo. Ademais, destacou que o túnel conta cunha mesa con viños de anos anteriores, desde o 2007 ao 2013 para "desterrar a idea de que  só  produce viños novos, frescos e afroitados, e tamén os hai con potencial de garda".

Para Isabel Mijares, "Monterrei fixo un camiño incrible. Ata hai pouco ninguén o coñecía. Agora fálase de Monterrei. Está a adquirir a súa propia personalidade e alma. A súa propia imaxe". Para a decana dos xornalistas especializados, "ata fai moi pouco non se falaba dos viños de Monterrei. Eran viños galegos, sen máis, pero o salto foi espectacular. Agora xa se coñecen, teñen identidade e as súas propias características, cun nome e un espazo propios".

Pola súa banda, Asunción Rodríguez Zarraquiños considera que os datos falan. "Monterrei deixou de ser a Cincenta das denominacións de orixe, dado que en 2015 exportou o 15% da produción ao estranxeiro, o que supuxo un incremento do 50% en relación ao ano anterior". Outro aspecto é que "nos últimos 10 anos, 14 dos nosos viños foron elixidos como mellor branco ou mellor tinto de Galicia". A produción do 2015 subiu un 60% con preto de cinco toneladas de uva e máis de tres millóns de litros. Asunción non quixo deixar pasar a ocasión para compartir tamén a súa consternación e incerteza polos incendios na zona. "É terrible ver arder a terra, as viñas e ata o castelo, que é o noso símbolo".

A cata, á que confirmaron asistencia máis 250 profesionais, desenvólvese en horario de mañá (de 11:00 a 14:00) e tarde (17:30 a 21:30 horas), está dirixida por Luís Paadín, e conta co apoio do persoal técnico do Consello Regulador da D.O. Monterrei, (Ourense

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes