Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Experiencias de peregrinación e as pontes no Camiño de Santiago, na clausura das Xornadas "Conmemoración do XX aniversario da Rúa do Peregrino..."

A través dos relatorios de Cássio Roberto de Almeida Romano, Wifredo Rincón García e da artista creadora da obra, María Carretero
Madrid, 27 de outubro de 2016.

As Xornadas "Conmemoración do XX aniversario da Rúa do Peregrino, obra da artista María Carretero", que se celebraron na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia durante os dous últimos días, pecháronse esta tarde coas intervencións do director do Colexio Maior Universitario Casa do Brasil, Cássio Roberto de Almeida Romano, o doutor en Historia da Arte e profesor de investigación do CSIC Wifredo Rincón García e da propia artista creadora da obra, María Carretero, que trataron da experiencia do peregrino, do patrimonio monumental do Camiño de Santiago, en especial das súas pontes, e do espazo de descanso deseñado por Carretero en Sarria.

En nome do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, os relatores foron presentados polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, e entre os asistentes á clausura da Xornadas estaban o coordinador das mesmas, o arquitecto Domingo de Famara, e Matías Díaz Padrón, doutor en Historia da arte e conservador xefe emérito de pintura flamenca do Museo do Prado.

De Almeida Romano desenvolveu o relatorio "Palabras de irmandade dun peregrino brasileiro", na que expuxo a súa experiencia persoal como peregrino do Camiño de Santiago a partir de Sarria en dous ocasións, en 2010 e 2012, en grupos de sete e catorce persoas.

Rincón García presentou o relatorio "Sarria. Un fito no Camiño de Santiago", centrada no patrimonio monumental que os peregrinos atopan no Camiño, en especial na relevancia das pontes que atravesan, unindo as beiras dos ríos que teñen que cruzar. O profesor fixo un amplo repaso, con proxección de imaxes, dos monumentos, sobre todo pontes, que se achan no Camiño no seu percorrido de Francia a Santiago de Compostela.

Pola súa banda, Carretero centrou a súa intervención, "Raíces de pedra e bronce na Rúa do Peregrino", na explicación do espazo urbano Rúa do Peregrino, creado entre os anos 1993 e 1996, que foi inaugurado polo entón presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne, e é "unha das obras máis destacadas de incorporación das artes nos espazos públicos realizadas ,cun estudo previo, e soporte doutras disciplinas como arquitectura, enxeñería e urbanismo". A artista trazou nese espazo a pavimentación en granito galego, empregou en ambos os lados da Rúa lousa da zona de.Samos, para delimitar as lindes, e rematou con albardilla de granito galego. Incorporou obras de arte en granito de Zimbabwe, 12 pezas.únicas macizas, de gran. tonelaxe e formato: catro verticais, para apoio dos peregrinos, e oito horizontais, a modo de asento, denominadas expresamente pola artista "monol-hitos". Culmina como símbolo deste conxunto escultórico unha peza monumental en bronce e granito de Zimbabwe, como figura e homenaxe ao peregrino atemporal. Unha obra que Carretero dixo custodiar "con moito amor, dedicación e esmero profesional", en especial agora que está afectada pola intervención da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para ampliar a canle do río.

Nas Xornadas interviñeron como relatores, ademais destes tres da última sesión, o presidente de honra da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, Marcelino Oreja Aguirre ("Camiño de Santiago, Camiño de Europa"), o profesor de investigación emérito do CSIC e asesor da Unidade de Investigación en Cultura Científica do CIEMAT Emilio Muñoz Ruiz ("Ética e valores no espazo público: un desafío evolutivo baseado na responsabilidade"); o párroco da Real Igrexa de Santiago Apóstolo e San Juan Bautista, Carlos R. Cano Alonso ("O amor e a transformación interior no Camiño de Santiago"); e o presidente de Demócratas Abroad Spain, Gil Carbajal ("Demócratas americanos e o Camiño de Santiago"). Carbajal contou no seu relatorio coa intervención de Rebekah Scott, estadounidense que rexenta un albergue de peregrinos en Palencia, que falou do incremento de peregrinos de EE UU. nos últimos anos.

Tamén contaron coas intervencións do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega López, e do presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría.

A artista María Carretero traballa nos seus estudos de Madrid, Galicia e Lanzarote. Xa na súa infancia, en Galicia e Madrid, espertou a súa vocación artística pola contorna, interesándose polo debuxo, a pintura, a escultura, a música, a arquitectura e a paisaxe natural. Estudou música no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, (1975?1979) e arte en Colonia -Alemaña-, ampliando os seus estudos en Londres, París, Roma, e Estados Unidos (1980-1985). No seu defensa do espazo público, para desenvolver as súas obras, colaborou e coñeceu a grandes arquitectos. Despois de realizar un estudo pormenorizado da contorna, a través da escultura e desde a construción do baleiro, utiliza os soportes doutras disciplinas como a enxeñería, arquitectura, urbanismo, pintura, debuxo, poesía, filosofía, humanidades, e música entre outras, para realizar os seus traballos, recoñecidos nacional e internacionalmente. As súas obras están representadas en museos e coleccións privadas e públicas de todo o mundo. Destaca a súa colección de xoiería, pinturas e murais. Ao longo da súa traxectoria, numerosos medios de comunicación nacionais e internacionais, escritos e audiovisuais, difundiron o seu traballo en espazos públicos.

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes