Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Vicente Araguas presentou na Casa "AGORA XA FOI" reeditada despois de quince anos por Edicións Embora

O escritor e poeta recrea na novela o Ferrol dos anos setenta
Madrid, 26 de abril de 2016

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación da novela "Agora xa foi" do escritor, poeta e crítico literario Vicente Araguas, reeditada pola ferrolá Edicións Embora, quince anos despois de que o fixese Laiovento no 2000. A obra, que está chea de tenrura, humor, amor, escepticismo e distanciamento desenvólvese en só tres días en diferentes lugares da cidade de Ferrol, e está protagonizada por un grupo de mozos militares de esquerda que traman nos anos setenta unha acción política, aproveitando un encontro de fútbol do Racing de Ferrol no antigo campo Manuel Rivera, máis coñecido polo nome do barrio no que estaba, o Inferniño.

Na presentación interviñeron, ademais do autor, o Coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, e o editor Francisco Rodríguez.

Nas súas palabras, Jiménez lembrou que Araguas é doutor en Filoloxía Inglesa e natural de Xuvia-Neda, provincia da Coruña, "autor tan querido nesta Casa, na que interveu en numerosas e diversas ocasións", e destacou de entre elas "as sesións de poesía galega que coordinou nesta mesma sala ao longo de varios Ciclos memorables". Sinalou tamén que Vicente escribe en galego e en castelán, indistintamente. "Neste mesmo ano presentamos aquí un precioso libro de relatos seus, Nos dió por llorar mientras llovía, en castelán, mentres que a novela que hoxe lles ofrecemos áchase escrita nun espléndido galego, idioma que domina á perfección e co que fai gozar mesmo a quenes non o falan".

Pola súa banda Francisco Rodríguez comentou que Embora leva publicando libros en Ferrol desde "hai 23 anos, con máis de 300 títulos, mesmo poesía e teatro", o que dá unha idea da arriscada aposta desta empresa editorial. Para el, Ferrol é unha gran descoñecida tanto en Galicia como fóra dela e con Embora desexa contribuír, "na medida na que eu poida, a paliar isto".

Vicente Araguas explicou que a súa elección de Embora para a segunda edición do seu libro baséase, precisamente, en que é "unha editora local, valente, loitadora, indie, e de Ferrol", á que engadiu un prólogo que "non xustifica pero aclara que o pasado xa foi e non ten volta". A nova edición mira ao pasado pero desde o presente.

"Agora xa foi é unha historia de amor e loita, no Ferrol de 1971, nos tres días previos a un partido de fútbol, Ferrol-Betis, no vello estadio do Inferniño. Alí, un vello heroe, Fandiño, pretende sementar o campo con octavillas convocando á folga. A lírica remata sendo épica. E desfeita", dixo o autor. Tanto Fandiño como Araguas pensan que "amar é combatir".   

O acto contou coa asistencia de destacados escritores, poetas e personalidades do mundo cultural galego en Madrid, como Fermín Bouzas, Carmen Pena, Manuel Pereira, Inés Canosa, Pepa Nieto, Danikxt, Francisco Pastoriza y Rafael Yáñez, entre otros.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes