Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O director de Turismo de Wakayama na Delegación da Xunta en Madrid

A visita de cortesía segue afianzando as relacións entre Galicia e a prefectura nipona dado que ambas albergan os camiños de peregrinación de España e Xapón
Madrid, 4 xullo de 2019

O director executivo de Turismo da prefectura xaponesa de Wakayama, Nakashima Hirokazu visitou esta mañá a Delegación da Xunta en Madrid onde foi recibido polo delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega; o director da Oficina de Turismo de Galicia en Madrid, Roberto Castro; o coordinador de Actividades, Ramón Jiménez e a responsable de Prensa, Rosa Figueroa.

A visita produciuse no marco das estreitas relacións establecidas entre Galicia e a prefectura de Wakayama, iniciadas en 1998 sendo presidente da Xunta Manuel Fraga, dado que ambos territorios albergan os camiños espirituais de peregrinación de España e Xapón, o Camiño de Santiago e o Camiño Kumano.

Nakashima Hirokazu, que veu acompañado do director xefe de Jetro Wakayama, Tetsuo Shibata, foi convidado a asinar no Libro de Honra da Casa, así como a visitar as instalacións da Delegación do Goberno galego en Madrid, as súas funcións de promoción e divulgación da cultura, economía e turismo na capital de España. A Casa de Galicia conta desde a súa fundación en 1992 cunha Oficina de Turismo permanente que dirixe Roberto Castro e que pola cooperación establecida coa prefectura de Wakayama dispón tamén de información dos camiños de peregrinación xaponeses de Kumano.

"Hai xa moitos peregrinos que fixeron os dous camiños. Moitos xaponenes fixeron o Camiño de Santiago despois de coñecer o Kumano. Outros peregrinos chegaron ao Kumano despois de descubrir o de Santiago", asegurou Hirokazu, "Únenos o mesmo sentimento e iso é o importante". A colaboración forma parte das iniciativas conxuntas para "promocionar os Camiños de Santiago e Kumano en Oriente e Occidente".

Xa na viaxe ao Xapón que o presidente Feijóo realizou en xuño de 2014 destacou "a oportunidade que supón para ambos territorios unha promoción conxunta das dúas rutas de espiritualidade que comparten moitas similitudes". En xullo de 2012 o presidente galego e o gobernador de Wakayama asinaran unha memoria encamiñada a profundar as relacións de amizade e de cooperación entre os dous pobos.

Nesta visita o director de Turismo de Wakayama, Nakashima Hirokazu convidou o delegado da Xunta José Ramón Ónega e ao equipo da Casa de Galicia a Xapón, "cando vostedes queiran, estaremos moi honrados en recibilos", ao que Ónega respondeu agradecido, que "sería estupendo, e aquí teñen a súa casa, para volver cando o desexen".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes