Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Grugalma pecha as súas XXXI Xornadas de Cultura Galega na Casa de Galicia cun acto literario sobre Teresa de Jesús

En conmemoración do quinto centenario do nacemento da santa e literata
Madrid, 17 de xuño de 2015.

O Grupo Cultural Galicia en Madrid (Grugalma) pechou hoxe as súas XXXI Xornadas de Cultura Galega cun acto literario celebrado na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia: "Conmemoración do V Centenario do nacemento da santa e doutora da Igrexa Teresa de Ávila", no que foron relatores Manuel Mourelle de Lema, presidente de Grugalma, doutor en Filosofía e Letras e académico da Real Academia da Historia, e Fernando Delgado Mesonero, doutor en Filosofía e Letras e exmestre de capítulo de Novos Cabaleiros da Raíña Isabel La Católica. Acompañounos o prior do convento de carmelitas descalzos da madrileña Plaza de España, Ángel Sánchez.

En representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o acto e os relatores foron presentados polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez.

Mourelle interveu co relatorio "Unha breve reflexión: Teresa de Jesús, poetisa?", na que mantivo que "ela mesma non se propuxo en vida unha misión singularmente poética". Explicou que hai tendencia a magnificar as grandes figuras do pensamento ou da literatura, polo que os investigadores son minuciosos con elas, e que é o caso tamén de Teresa de Ávila, á que se considera "como poetisa consumada". A intervención de Mourelle, partindo de que a linguaxe e os escritos de Teresa de Ávila son "altamente poéticos", reflexionou sobre a súa particular poética e realización. "Fronte ao outro místico coetáneo, san Juan de la Cruz, santa Teresa de Jesús non elaborou unha poética estrita, senón que toda a súa obra quedou impregnada de misticismo e lirismo como o manifestan os seus ´Conceptos de amor de Deus´", observou.

Pola súa banda, Delgado Mesoneiro interveu co relatorio "Homenaxe a Santa Teresa de Jesús nas súas dúas facetas: nacemento e beatificación". Nela resaltou a importancia dos seus escritos, "que ocupan o terceiro lugar entre os máis editados e traducidos a todos os idiomas, despois da Sagrada Biblia e de O Quixote", e das súas seguidoras, as carmelitas descalzas, "que manteñen vivo o espírito da nai reformadora". Invitou a "a lectura atenta das súas obras" e a aproveitar o ano xubilar "gañando cada día a indulxencia plenaria".

As XXXI Xornadas de Cultura Galega de Grugalma comprenderon tamén a presentación do libro "A ilustración española (Galicia)" de varios autores, e unha homenaxe a José Fernando Filgueira Valverde con motivo do Día das Letras Galegas, actos que tiveron lugar no centenario Centro Galego de Madrid.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes