Presentación do DVD da longametraxe El vientre de Europa do director Juan Pinzás

O cineasta vigués é o único realizador español recoñecido oficialmente polo movemento Dogma 95 e que estivo nomeado ao Goya en 2014
Madrid, 9 de outubro de 2018

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do DVD da longametraxe El vientre de Europa, escrita e dirixida polo cineasta vigués Juan Pinzás, único director español recoñecido oficialmente polo movemento Dogma 95, nomeado ao Goya en 2014, e cuxa estrea en cinemas tivo lugar en España no mes de novembro do pasado ano, previa rolda de prensa nesta Casa. O DVD que se presentou hoxe é unha coidada edición con subtítulos en inglés e inclúe, ademais da película, un excelente material extra con 70 minutos de duración, así como o ‘decálogo pinzasiano' explicado polo propio director creado para esta película.

No acto de presentación interviñeron o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; o director Juan Pinzás; o escritor e historiador de cinema español, Diego Moldes; e o escritor e analista cinematográfico, Fernando Alonso Barahona.

Para Jiménez, atopámonos ante unha "personalísima obra dun creador orixinal, único e irrepetible, cuxa traxectoria seguimos moi de preto porque tivemos a sorte de que nos elixira en varias ocasións para dar a coñecer as súas películas, o cal nos honra sempre". El vientre de Europa, foi rodada en Berlín e Madrid, é a novena da súa filmografía e está protagonizada polo propio Pinzás xunto a Elke Krüger e María Villar.

Diego Moldes falou da súa relación con Juan Pinzás, tanto persoal, como espectador e admirador do seu cinema. Situou a súa filmografía que abarca xa case corenta anos de carreira, no contexto do cinema español e europeo desde os anos oitenta ata a actualidade. Tamén relatou Moldes a súa impresión sobre o persoal estilo cinematográfico de Pinzás, a súa estética e contido. Ademais relacionou as súas dúas últimas obras, New York Shadows (2013) e El vientre de Europa (2017) co resto das súas películas, en especial as que compoñen a súa triloxía oficial do movemento de vangarda Dogma 95. Sinalou por último El vientre de Europa como exemplo de cinema artístico e de autor, explicando a súa posta en escena con exemplos das súas secuencias máis relevantes.

Para Fernando Alonso Barahona, "Pinzás é un cineasta persoal e independente, que transitou por camiños diferentes: A comedia (La gran comedia), o cinema literario (El juego de los mensajes invisibles, baseado na novela El hijo adoptivo de Álvaro Pombo), o fantástico (La leyenda de la doncella), o Dogma 95 (a triloxía, Érase outra vez, Días de boda e El desesenlace), o documental de creación (La imágenes perdidas, La otra mirada) e agora logrou espir o seu cinema, como a poesía espida de Juan Ramón Jiménez e falar directamente ao corazón". Lembrou que en New York Shadows (Sombras de Nova York), Pinzás interrogábase sobre as eternas preguntas da metafísica: quen son eu e que vai ser de min? Cal é a identidade do artista? A súa vida, as súas creacións, a súa arte… Por iso, a realidade e a ficción asaltan ao cineasta, que en El vientre de Europa segue a procura e tenta debuxar o pasado, a persoa que fomos, para abrazar o presente e –sobre todo– o futuro. O que somos, o que seremos… Unha procura na que Julián (alter ego de Pinzás) acharase perdido entre o neno que foi, o home que agora é, o amor da súa nai e o cosmos feminino da muller que ama. Cinema en estado puro", definiu Barahona.

Pola súa banda Pinzás fixo fincapé en que para el é moi importante facer esta presentación en DVD porque "como cineasta e cinéfilo amo o soporte físico. Os soportes de DVD e Blu-ray tristemente están a piques de desaparecer e, con todo, ofrecen moitas vantaxes", dixo. "Son un defensor do soporte físico porque nel as películas adquiren outra vida, máis aló das plataformas dixitais e as televisións. O soporte físico é como posuír a propia película, co valor engadido dos seus materiais adicionais que non se poden ver en ningún outro lado". Tamén puxo de manifesto a súa alegría e ilusión polo feito de que El vientre de Europa púidose ver no Marchei du Filme do Festival Internacional de Cine de Cannes, en maio, e ter a oportunidade de presentala, el persoalmente alí, o que considera todo un privilexio. "Iso foi moi útil para que a película se dese a coñecer internacionalmente e para que un bo número de países se interesaran pola compra do filme". Engadiu ademais que "hai moita verdade, dor e amor narrados metaforicamente nesta película, que sobre todo é unha homenaxe á muller, á nai, e unha mirada intrínseca a esta Europa en crise que nos tocou vivir. A película filmeina seguindo un decálogo que ideei especialmente para esta proposta e que cumprín a machada durante a rodaxe e a postproducción".

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes