Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa acolleu a presentación do "Mapa do Patrimonio Mineiro de Galicia" y d guía "As pedras do Camiño de Santiago en Galicia"

As dúas publicacións dedicadas a Galicia foron editadas polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) para promover o xeoturismo na comunidade galega
Madrid, 22 de abril de 2014.-

A delegación da Xunta en Madrid, Casa de Galicia, acolleu esta tarde a presentación do "Mapa do Patrimonio Mineiro de Galicia e da guía "As pedras do Camiño de Santiago en Galicia", ambas as dúas publicacións editadas polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME). A guía, "As pedras do Camiño de Santiago en Galicia", cuxos autores son os xeólogos Ramón Jiménez Martínez e Enrique Díaz Martínez, está dirixida tanto a viaxeiros, peregrinos, restauradores, xeólogos ou persoas con inquietudes neste campo, xa que nela se describen as rochas que forman os principais monumentos históricos do Camiño a Compostela dende que entra en Galicia ata que chega a Santiago. O "Mapa do Patrimonio Mineiro de Galicia", que inclúe os lugares mineiros de interese turístico de Galicia, foi elaborado por Anxo Ferrero Arias, Alejandro Sánchez Rodríguez, Carmen Marchán Sánchez, Enrique Díaz Martínez, e Ángel García Cortés.

A impresión de ambas as dúas publicacións foi financiada con fondos europeos (FEDER) dentro do proxecto Atlanterra do programa de Espazos Atlánticos (INTERREG 4 B) e entre os seus obxectivos están a investigación, promoción e divulgación do patrimonio mineiro destas rexións, coa participación de Francia, Gales, Irlanda, Portugal e Galicia por parte española.

No acto, presidido polo delegado da Xunta en Madrid, e director da casa, José Ramón Ónega, interviñeron o Director do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) Jorge Civis Llovera, e os xeólogos Angel Ferrero Arias, Enrique Díaz Martínez e Ramón Jiménez Martínez, do IGME.

Nas súas palabras, Ónega recordou que "xa en tempo dos romanos eramos punto de interese e referencia en canto a minerais se refíre". Pola súa banda, Civis explicou o obxectivo do Instituto que el dirixe: "O Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME), un Organismo Público de Investigación (OPI) con carácter de Organismo Autónomo, adscrito ao Ministerio de Economía e Competitividade. O IGME ten como misión principal proporcionar á Administración Xeral do Estado e das Comunidades Autónomas que o soliciten, e á sociedade en xeral, o coñecemento e a información precisa en relación coas Ciencias e Tecnoloxías da Terra para calquera actuación sobre o territorio. O IGME, o segundo instituto máis antigo do mundo, con 165 anos de vida, é polo tanto, o centro nacional de referencia para a creación de infraestrutura do coñecemento, información e I+D+i en Ciencias da Terra,".

Ángel Ferrero comentou diferentes aspectos do "Mapa de patrimonio mineiro de Galicia" no que se representan, mediante unha simboloxía sinxela, os sitios mineiros que, sen carácter excluínte, se consideraron con potencial para o seu uso xeoturístico no ámbito de Galicia, independentemente do seu estado de adecuación actual. Destácanse algúns puntos polo seu maior valor intrínseco, a existencia de accións de posta en valor xa realizadas ou en desenvolvemento, o seu uso (visitas, sendeirismo, científico, didáctico, turístico...), e tamén en función da diversidade de substancias minerais, así como a existencia de labores e instalacións mineiras, portos con tráfico de minerais, e outros centros de interese tales como museos, centros científicos e/ou técnicos, ferrerías, etc. Polo tanto trátase dunha primeira ferramenta para promover a preservación e, se ten lugar, a posta en valor de determinados sitios mineiros, ou incorporalos ao conxunto de bens culturais da zona. Tamén se deben considerar como lugares para a realización de estudos máis detallados orientados á valorización do patrimonio mineiro". Aínda que non é un mapa turístico, nesta publicación "achégase información xeolóxica e mineira que debería ser considerada de forma prioritaria na preparación dos contidos e na realización de accións orientadas ao turismo, xerando así unha oferta xeoturística (neste caso con orientación mineira) que constitúa un valor dinamizador máis de zonas mineiras abandonadas".

En relación á guía, "As pedras do Camiño de Santiago en Galicia", falaron os dous autores, Enrique Díaz Martínez e Ramón Jiménez Martínez que comentaron que os datos sobre o Camiño evidencian a súa importancia. "Esta guía xeolóxica, é de doada lectura, para gozar do ámbito incorporando os aspectos xeolóxicos que temos tan a man, e indícanos tamén como utilizala e que podemos obter, mediante numerosas referencias e incluíndo, ao final do libro, un glosario de termos xeolóxicos. Tamén destaca as construcións de monumentos, con descricións de percorridos a través das distintas zonas, e con referencias ás relacións entre os monumentos e a súa fábrica construtiva coas unidades xeolóxicas das que proceden. As rochas, as súas aplicacións e as zonas xeolóxicas Asturoccidental-Leonesa, Centro Ibérica e Galicia -Trás-os-Montes, que constitúen a armazón xeolóxica de Galicia. É unha magnífica ocasión para incorporar o Camiño o coñecemento xeolóxico e mineiro á parte sempre contada sobre os monumentos".

Ambas as dúas publicacións, financiadas con fondos europeos (FEDER) asignados ao proxecto Atlanterra, teñen como obxectivo contribuír á difusión do patrimonio xeolóxico-mineiro de Galicia.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes