Máis dunha vintena de profesionais galegas en Madrid visitaron a Casa de Galicia para coñecer a súa actividade e a posibilidade de utilizar os seus servizos

Entre as asistententes hai empresarias, artistas, escritoras, xuristas, docentes, ou do ámbito sanitario
Madrid, 4 de outubro de 2019

Máis dunha vintena de profesionais de diferentes ámbitos visitaron esta mañá a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia para coñecer as funcións que desempeña, a programación, así como posibles aspectos de colaboración. Foron recibidas polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, quen lles deu a benvida e explicou unha breve historia da Casa, o edificio, e as diferentes salas e dependencias. Ademais respondeu a cantas cuestións lle expuxeron tanto relacionadas cos intereses profesionais como culturais e de lecer.

A posibilidade da visita xurdira esta primavera na celebración da "Tenda Pop Up Galicia. Saberes e sabores" cando a emprendedora santiaguesa Manuela Madriñal coincidiu co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e co delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega. Tras as presentacións de rigor, e manifestar interese por coñecer a Casa e que ademais contaba cunha estreita relación con outras mulleres profesionais galegas residindo en Madrid, posiblemente tamén interesadas, quedaron xa entón en buscar unha data apropiada e recentemente conviñeron no día de hoxe.

A visita, que durou pouco máis dunha hora, incluíu en primeiro lugar as Salas A e B, nas que actualmente se atopa a mostra pictórica "Sigo Plantando Árbores" da artista ourensá Ehlaba Carballo, e que permanecerá aberta durante todo o mes de outubro. A Sala A, polivalente e a máis ampla, é na que habitualmente se realizan os variados actos que compoñen a programación: presentacións de libros, conferencias, actos informativos, económicos, turísticos, proxeccións  de audiovisuais... Tamén puideron coñecer a Sala L, na que teñen lugar as reunións empresariais de ata 20 persoas, con posibilidade de instalar diferentes medios como ordenadores, pantallas, proxectores ou conexións para vídeoconferencias.  

Ónega informoulles cómo solicitar estes servizos, "cos que tentamos contribuír e colaborar con empresas, institucións ou entidades galegas, en todo canto estea na nosa man". Tamén as diferentes asociacións galegas  culturais e profesionais en Madrid atopan na Casa un lugar para realizar as súas reunións e actividades. "A Casa é así mesmo referencia para embaixadores, que con frecuencia nos visítan", explicou o delegado.

Ademais, a Casa conta cunha oficina permanente de Turismo, punto de referencia en Madrid no que atopar información, folletos e mapas para os quenes desexen viaxar a Galicia.

A visita, que discorreu en todo momento nun ton distendido e amable, finalizou cun pousado de familia nas escaleiras da Casa; non sen antes sinalar que en diante a maioría das profesionais teñen previsto acudir a algúns dos actos que se programen, e mesmo de estudar a posibilidade de solicitar o organizar algún propio en función das especialidades de cada unha.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes