Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa acolleu hoxe a presentación de "Qué es la fotografía" do profesor pontevedrés da Complutense Francisco R. Pastoriza

O libro, editado por Lunwerg, recolle unha breve historia dos xéneros, movementos e grandes autores, e inclúe obra e biografía dos galegos como Virxilio Viéitez, Manuel Sendón, Xurxo Lobato, Ángel de la Rubia ou os Irmáns Mayo
Madrid, 29 de xuño de 2015

"Qué es la fotografía", é o título do último libro do profesor da Universidade Complutense de Madrid, o pontevedrés de Bueu, Francisco Rodríguez Pastoriza, que se presentou hoxe na Casa de Galicia, delegación da Xunta de Galicia en Madrid. Pastoriza, profesor de Fotografía Informativa ofrece nesta obra, editada por Lunwerg, unha breve historia dos xéneros, movementos e grandes autores desta manifestación artística. Na presentación, ademais do autor, interviñeron o director da editorial Javier Ortega; así como o coordinador de Actividades da Casa Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega.

Para Jiménez, a publicación ten "entre os seus obxectivos", e destaca -cun xogo de palabras-, que “reproduce o obxectivo dunha cámara na súa cuberta", ser "o libro de cabeceira para afeccionados e coleccionistas". Tamén recordou que Pastoriza é autor de numerosos libros, entre eles, Periodismo Cultural; Cultura y Televisión. Una relación de conflicto; La mirada en el cristal. La información en televisión; y Perversiones televisivas. Una aproximación a los nuevos géneros audiovisuales. A televisión está moi presente nestes títulos, dado que Francisco Rodríguez Pastoriza foi durante moitos anos xornalista de TVE e adxunto á Xefatura da Área de Cultura dos Servizos Informativos da cadea pública. Actualmente é colaborador dos suplementos culturais do grupo Prensa Ibérica e da publicación on line Periodistas en español.

Para Javier Ortega, esta obra "é un exercicio de reflexión para dotar de sentido e poñer en contexto a fotografía actual".

Pola súa banda, Francisco Rodríguez Pastoriza explica que "a fotografía é un fenómeno sociocultural que se manifesta nunha gran diversidade de xéneros, dende o fotoxornalismo e a fotografía social, á fotografía artística, a moda ou o deporte".

Segundo Pastoriza, a consideración da fotografía como unha das belas artes tivo unha consecuencia moi positiva na propia evolución da arte porque levou os pintores a liberarse da obsesión de realismo e a probar novas experiencias estéticas como o cubismo, o surrealismo ou o futurismo. E máis tarde, a propia fotografía experimentou con esas novas correntes, mesmo coa abstracción.

O libro dedica un amplo capítulo á fotografía en España, incluíndo a obra e a biografía de fotógrafos galegos como Virxilio Viéitez, Manuel Sendón, Xurxo Lobato, Ángel de la Rubia ou os Irmáns Mayo.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes