"Anónima sociedad" presentouse na Casa: "un libro para os que non len... y tamén para o fan"

No acto interveu o deportista e cardiólogo Juan Antonio Corbalán
Madrid, 9 de decembro de 2014

A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid acolleu esta tarde a presentación de "ANÓNIMA SOCIEDAD", de Santiago Díaz-Pache Montenegro nun acto no que interviñeron, ademais do autor, o deportista de elite e cardiólogo Juan Antonio Corbalán; o arquitecto Enrique Fernández de Marambroz Bernabéu, o presidente do Grupo Sial Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez Pérez.

Jiménez sinalou que segundo a súa experiencia "estamos ante unha obra literaria de envergadura", un termo "tan mariño e tan bonito para a obra de quen foi capitán da Mariña Mercante". Neste sentido engadiu tamén que se trata de "un barco cargado de mensaxes dentro dunha botella que se bota ao mar e do que moitos xa chegaron a bo porto".

Para Corbalán, Santiago Díaz-Pache Montenegro ten unha gran cualidade que puxo ao servizo da sociedade: "É como é", -a maioría intenta parecer o que non é- pero o autor é irónico e no seu libro obriga o lector a ir "un pouco máis alá" e "achegar transcendencia a cada vida". Para o deportista e cardiólogo, o cualificativo "serio" non é sinónimo de "aburrido" e ao seu parecer este, non é un libro de humor senón de ironía, no que "o autor cede protagonismo ao lector para que elabore ese algo máis, porque esta obra lese cara a dentro. Elabórase". Engadiu ademais que con Anómima sociedade, Santiago "axudou a meter a sociedade na UVI e agora, a ver se a curamos".

Para o editor, o narrador ofrece a súa peculiar visión sobre todo. Polo libro desfilan unha serie de personaxes, "un microcosmos peculiar no que o lector vai encontrar o seu propio reflexo". Aparecen homes, mulleres, -en todas as súas condicións e opcións morais ou sexuais-, políticos, funcionarios, comerciantes, oficinistas, veciños e ata o mesmo autor, co seu persoal humor fresco e intelixente.

Pola súa banda, o autor sinalou categoricamente: "Eu escribo para os que non len... e tamén para os que len", dixo con humor da súa obra, e explicou que "todo está aí fóra, só é cuestión de observalo e facelo con sentido crítico porque o mundo está tan mal, que non se lle pode tomar en serio". Sinalou ademais que a súa obra está indicada para todas as circunstancias; "son relatos curtos e non é necesario volver ler o capítulo para recordar quen é quen". Entre as indicacións comentou que "é ideal para as viaxes, ou para deixar como nova a mente entre dous libros de ensaio, e sobre todo, para regalar nestas Festas", asegurou con graza, mantendo o ton xeral do acto.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes