Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa acolleu a presentación do poemario "Sin Permiso" de Nieves Gallardo, publicado pola editorial galega O Taller do Poeta

Máis de medio centenar de persoas acudiron ao acto
Madrid, 18 de xuño de 2013

Máis de medio centenar de persoas acudiron á Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, ao acto de presentación do poemario "Sin permiso" de Nieves Gallardo, publicado pola editorial pontevedresa "O Taller do Poeta", un feito que para "un acto de poesía en Madrid, é algo prodixioso", tal e como comentou o locutor e xornalista, Primitivo Rojas "e dígollo eu, que acudín a unhas cantas presentacións poéticas", engadiu.

O coordinador de Actividades Culturais da delegación da Xunta de Galicia en Madrid, Ramón Jiménez presidiu o acto e foi cedendo a palabra aos diferentes intervenientes: o poeta e editor, Fernando Luis Pérez Poza; o xornalista e locutor, Primitivo Rojas Ramos; o escritor José Antonio Castro Cebrián e a propia autora, Nieves Gallardo Cañaveras.

Pérez Poza, que tamén é poeta explicou a razón pola que se fixo editor e non é outra que a experiencia de ter enviado os seus escritos a moitas editoriais, nas que sempre lle contestaban que "tiñan a cota de poemas cuberta para os seguinte oito anos". Por iso fundou en Pontevedra, fai xa unha década "O taller do Poeta", que publicou ata o momento 410 libros de autores de todo o mundo. Na súa intervención, tivo tamén palabras de agradecemento á Xunta en Madrid, "onde todo foron facilidades para que puidésemos facer este acto", dixo.

Seguidamente, o locutor e xornalista Primitivo Rojas, recitou algúns poemas de "Sin Permiso", co efecto da súa profunda voz -da mesma escola que o lucense Elías Rodríguez-. Especial sentimento puxo no dedicado ao viño, "talvez porque como estremeño de familia na que se sempre se obtivo uva", o viño tivo sempre un significado especial, ademais de, "¡porque me gusta! ", engadiu.

Pola súa banda, Castro Cebrián, falou da autora, ademais de como poeta, como persoa e definiuna con, entre outros cualificativos, cos de "curiosa, sensible, afectuosa, e todo o bo que se pode dicir dunha amiga". Pero ademais "é boa poeta porque lega a súa experiencia e comparte o seu sentir". Definiu "Sin Permiso" como "máxica incerteza da inocencia" ademais de sinalar a súa "delicada melancolía".

Tamén Nieves Gallardo, tras os agradecementos, recitou varios poemas da súa obra.
O acto finalizou cun animado coloquio no que a autora intentou responder a todas as cuestións que lle foron formuladas.

"Sin Permiso", é a segunda obra da poeta madrileña, marcada polos veráns infantís en Galicia, e cuxo título corresponde a un dos poemas do libro.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes