Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa acolleu a presentación do libro "La felicidad en el trabajo ... y en la vida" de Santiago Vázquez, a que asistiron máis dun centenar de persoas

A obra do coruñés, especialista en liderado e coaching reivindica dende unha dimensión práctica, como afrontar e adaptarse aos cambios e os novos retos
Madrid, 23 de abril de 2013

Máis dun centenar de persoas acudiron á delegación da Xunta en Madrid, Casa de Galicia, á presentación do libro "La Felicidad en el trabajo... y en la vida" do sociólogo, economista e licenciado en Ciencias Políticas Santiago Vázquez Blanco, publicado por Actualia Editorial. No acto, que presidiu José Manuel Romay Beccaría, presidente do Consello de Estado, interviñeron o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega López; a editora, Cristina Seco López; o exdirector xeral de Recursos de Unión Fenosa, José María Vázquez-Pena e o propio autor, Santiago Vázquez Blanco.

Ónega comentou que a felicidade é unha constante busca na vida do home e citou varios autores que definiron este aspecto, entre eles Oscar Wilde cando dicía que "coa liberdade, as flores, os libros e a lúa,  ¿quén non sería completamente feliz? ". O delegado pasou a palabra á editora, Cristina Seco que destacou a capacidade do autor que "soubo transmitir o seu saber á obra".

José María Vázquez-Pena, que foi director de Recursos Humanos en Fenosa durante máis de tres décadas, fixo unha clara síntese do libro e explicou que "non estamos nunha época de cambios; é o cambio dunha época", e polo tanto require tamén un cambio de mentalidade. O libro consta de catro partes perfectamente diferenciadas. Na primeira, cuxo título son "eu comigo", fala da necesidade de coñecerse antes de iniciar calquera viaxe. As habilidades e os talentos. Neste sentido referiu a anécdota de que os pais poñen un profesor de matemáticas ao fillo cando ten dificultades pero raramente o fan na materia que destaca e é brillante.

O segundo apartado, "eu, contigo", para coñecer os demais "como seres sociais que somos". É preciso analizar "cómo pensan, que senten, como poñerse no seu lugar, -empatía-, e mellorar esas relacións". Aquí hai unha palabra clave, gratitude. “Agradecer ao que axuda, expresalo e ver todo con bos ollos". No terceiro capítulo, o libro, tal como explicou Vázquez-Pena, "o mundo non é dos duros nin dos brandos; é dos flexibles". É preciso saber ler, intuír e situarse. Se hai vinte persoas e non estamos de acordo, non é lóxico que os 19 restantes sexan os equivocados. E o cuarto epígrafe, "eu feliz", contén "consellos, receitas e liñas de actuación para as empresas e as persoas".

Para Romay Beccaría, trátase dun libro "moi ameno, doado de ler e moi próximo". Destacou a necesidade de coidar o corpo, durmir e rir, algo no que incide a medicina preventiva. Tamén separar o importante do que non o é e incidir no bo. Neste sentido, España é líder en doazón de órganos, "o cal di moito bo do país".

Pola súa banda, o autor que é especialista en liderado e coaching falou da importancia dos modelos de referencia. "Eu tiven moita sorte, porque dos meus primeiros modelos de referencia, os meus pais, aprendín o rigor e a capacidade de adaptación. Eles emigraron, que é unha forma de buscar a felicidade noutro lugar e nunca se queixaron malia as dificultades que viviron". En 1990, incorporouse profesionalmente a Fenosa, que lle deu a oportunidade de traballar en diferentes países e onde o seu modelo de referencia foi o seu primeiro xefe, Vázquez-Pena. A súa experiencia foi vital para que en 2003 participara na creación da súa actual empresa, na que segundo explicou, aplican os criterios de felicidade que sinala o libro.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes